Ana Miranda participa na misión de observación e rescate de migrantes da ONG Proactiva Open Arms

Ana Miranda no Astral
Ana Miranda no Astral

A eurodeputada do BNG defende que non se criminalice a axuda humanitaria porque “salvar vidas non é delito”

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, embarcou esta madrugada no barco Astral para participar na misión de observación, busca e rescate no Mediterráneo que organiza a ONG Proactiva Open Arms. Defende que o traballo que fan estas organizacións no mar é indispensable mentres non rematen os conflitos nos países de orixe.

Segundo Ana Miranda, compre loitar contra a criminalización das ONG que se agudizou especialmente coa interceptación en Italia dunha das embarcacións desta ONG en medio dunha operación de rescate. Precisamente foi despois destas circunstancias cando Oscar Campos, director de Open Arms, explicou no Parlamento Europeo en que consiste o traballo que desenvolven.

A raíz desta circunstancias, no pasado mes de abril, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución na que se pide non criminalizar a axuda humanitaria e recoñecer o traballo que realizan estas organizacións. O documento, que foi aprobado con 516 votos a favor, 137 en contra e 43 abstencións, tamén menciona que a protección dos menores, independentemente de si son refuxiados ou non, debe ser un obxectivo prioritario.

Incumprimento da normativa

“Os estados europeos teñen que asumir as súas responsabilidades e non poden deixar morrer persoas no Mediterráneo”, subliña Ana Miranda, quen destaca que coa súa participación na misión de Proactiva Open Arms o BNG quere denunciar a lamentable situación de falta de acollida nos distintos estados europeos e o incumprimento da normativa europea xa adoptada.

A eurodeputada do BNG xa expresara a súa indignación con motivo da travesía que se viu obrigado a sufrir o barco Aquarius, vagando entre distintos estados. Ao seu xuízo, esta circunstancia puxo de manifesto que “a Unión Europea non ten o coraxe nin a ambición política de salvar vidas, senón que mostra que o sistema europeo baséase en protexer as fronteiras e disuadir ás persoas inmigrantes e refuxiadas en lugar de ir ás causas de por que veñen a Europa fuxindo dose seus países”.

Ademais de Ana Miranda, en representación do BNG e o grupo Verdes-ALE, nesta misión participan outros eurodeputados e eurodeputadas como Miguel Urbán (GUE/NGL), Eleonora Forenza (GUE/NGL) e Javier López (S&D).

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG