Ana Miranda e Manuel Rivas reclaman a retirada dos residuos radioactivos depositados na Foxa Atlántica

A eurodeputada do BNG e o escritor Manuel Rivas protagonizan unha acción de protesta pola falta de control dos bidóns depositados na costa galega

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o escritor Manuel Rivas desenvolveron no porto da Coruña, a bordo do barco Primeiro Vilar, unha acción de protesta contra a falta de control dos residuos radioactivos que se atopan fronte as costas galegas. Tanto Miranda como Rivas insistiron en que Galiza non quere cemiterios nucleares e manifestaron a súa preocupación pola inacción do Estado español para controlar as 140.000 toneladas de residuos nucleares depositados, entre 1949 e 1982, en 220.000 bidóns na Foxa Atlántica.

No acción de protesta celebrada hoxe participaron persoas que estiveron no Xurelo no ano 1981 no barco Xurelo, como Manuel Méndez, Gonzalo Vázquez Pozo, e o candidato do BNG na Coruña Francisco Jorquera quen participara nas mobilizacións da época, o patrón do barco Xosé Iglesias e a poeta coruñesa Teresa Ramiro. Na acción, ademais de ler o manifesto de 1981, tanto Rivas como Ramiro recitaron diversos textos reivindicativos para esixir o fin dos vertedoiros radioactivos próximos ás costas galegas.

O Xurelo, barco galego de Ribeira, enfrontouse en dúas ocasións aos cargueiros que depositaban os residuos nucleares fronte as costas galegas. Case corenta anos despois desa protesta, permanece a falta de control sobre os bidóns nucleares por parte do Estado español, feito que consideraron “moi preocupante e unha auténtica irresponsabilidade”.

Precisamente hai pouco máis de dous meses a Comisión Europea deu resposta a unha pregunta presentada pola eurodeputada do Bloque na que recoñece que os propios Estados Membros son os responsables de controlar a radioactividade das súas augas pero que o Estado español non ten abordado especificamente ningún plan de control da radioactividade nesta zona aducindo que eses depósitos están fóra das súas augas.

Galiza como vertedoiro

“Por unha banda, a Comisión sinala que os Estados Membros son os responsables de controlar a radioactividade das súas augas, pero por outro lado o Estado español afirmou que eses residuos están fóra das mesmas. A conclusión é que Galiza é tratada como un vertedoiro”, manifestou Miranda.

Ademais, a Comisión admite que non dispón información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes dos que dispón, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003. “É terrible que despois de 38 anos da acción do Xurelo non existan datos actualizados sobre o estado destes restos radioactivos, depositados a 650 quilómetros da cos galega, e o seu impacto sobre o medio ambiente e os ecosistemas mariños”, denunciaron Miranda e Rivas ao finalizar o acto.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG