Parlamento Europeo

Ana Miranda leva a Bruxelas unha delegación do sector pesqueiro galego para integrar a Rede Europea de Mulleres na Pesca

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
A portavoz do BNG en Europa defende visibilizar a situación laboral específica e poñer en valor o traballo das mulleres galegas no mar

Unha delegación galega de mulleres do sector pesqueiro e marisqueiro, organizada pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, viaxará a vindeira semana a Bruxelas para participar nas xornadas europeas Mulleres na Pesca, que se celebrará no Comité Económico e Social Europeo – CESE. “Coñecer as situacións laborais específicas e dificultades das mulleres no mar, visibilizar o seu traballo e poñelo en valor de forma que teñan un papel activo na toma de decisións no sector pesqueiro desde a igualdade é o principal obxectivo destas xornadas”, salienta Miranda.

A delegación galega quere dar voz a unha ampla representación das mulleres que traballan no sector pesqueiro e marisqueiro galego, polo que está integrada por representantes da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), a Federación Galega de Redeiras O Peirao, -en ámbolos dous casos coa presenza das respectivas presidentas-, a Asociación de Mariscadoras de Carril (Amarcarril), a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, a Asociación cultural de mulleres do mar de Cesantes (Amarturmar), así como a Asociación de Redeiras Atalaia, de A Guarda

As xornadas, que se celebrarán desde o luns 24 de febreiro ao mércores 26, permitirán desde o primeiro momento o intercambio de experiencias entre mulleres procedentes de distintos países europeos. Deste xeito, xa o luns pola tarde terá lugar un encontro da delegación galega cos grupos de mulleres do sector pesqueiro de Croacia, Chipre, Irlanda, Italia, Reino Unido e Azores.

Encontro con institucións europeas

O martes 25 a delegación galega participará no seminario europeo sobre “Os procesos da toma de decisión na pesca polas institucións europeas tendo en conta a perspectiva de xénero”, así como nun encontro multilateral con representantes das institucións europeas e nunha mesa redonda sobre a situación da pesca e o marisqueo en Galiza desde unha perspectiva de xénero.

Finalmente, o mércores 26 terá lugar a asemblea xeral da Rede Europea de Mulleres da Pesca (AKTEA), que ten como obxectivo propoñer solucións sobre o trato desigual entre homes e mulleres nas diferentes actividades da pesca, desde o emprego, as condicións de traballo, o salario, os activos de la empresa (incluso as cotas de pesca) e a propiedade (incluídos os buques e os equipos de pesca). Este evento permitirá que as mulleres do sector pesqueiro e marisqueiro galego formen parte de forma activa desta rede europea.

O BNG lembra que no marco da reforma da Política Pesqueira Común – PPC foron presentadas diversas emendas no Parlamento galego co fin de apoiar nos vindeiros fondos europeos ás mulleres que traballan no sector do mar, como as redeiras, as mariscadoras, as traballadoras da conserva e de empresas de produtos do mar.


Descarga: Programa delegación de pesca

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG