Ana Miranda insta á Unión Europea a desenvolver unha lexislación específica sobre as casas de apostas

Ana Miranda AGAJA
Ana Miranda AGAJA
A portavoz do BNG en Europa mantivo un encontro co presidente da Asociación Galega de Xogadores Anónimos
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, presentou unha pregunta dirixida á Comisión no obxectivo de que a Unión Europea desenvolva unha lexislación sectorial específica sobre os xogos de azar que garanta a protección dos consumidores e, de forma especial, os menores. Así o manifestou ademais na reunión que mantivo co presidente da Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA) e Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados (FEJAR), Juan Lamas.

“A propia Comisión recoñeceu, en resposta a unha pregunta do Bloque, as consecuencias sociais e sanitarias da ludopatía, polo que non pode quedarse só en animar aos Estados Membros a garantir a protección dos consumidores se os Estados non toman as decisión pertinentes mentres aumentan considerablemente os casos de menores afectados pola ludopatía”, salienta Ana Miranda.

A portavoz do BNG en Europa critica que pese a estes riscos sociais e sanitarios recoñecidos polas distintas administracións siga proliferando os establecementos de apostas non só nas cidades galegas, senón en todo o Estado. Precisamente, segundo os últimos estudos, Galiza, a Comunidade Valenciana, Madrid e, en menor medida, Andalucía e Euskadi, son as comunidades que rexistran unha densidade más alta de casas de aposta por quilómetro cadrado.

“É curioso que das 1.800 inspeccións realizadas hai dez días en locais de xogo tiveran como resultado 220 denuncias, con 28 menores detectados, e 184 persoas indocumentadas”, sinala Miranda en relación á Operación Arcade desenvolvida recentemente en diversas cidades españolas. Ao respecto pregunta á Comisión se ten coñecemento desta operación e se vai instar aos Estados Membros a que desenvolvan esta medida periodicamente para garantir que os menores no fan uso das casas de apostas.

Rexeitamento social

Pola súa banda, para Juan Lamas, na actualidade o rexeitamento da sociedade a este tipo de ocio é un elemento fundamental a ter en conta na regulación das casas de aposta. “Actualmente en Galiza tense en conta a distancia aos centros escolares, pero tamén é fundamental a distancia aos centros deportivos e aos parques infantís para evitar que os menores padezan ludopatía”, subliña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG