Parlamento Europeo

Ana Miranda insta á Comisión Europea a definir a data da verificación dos residuos radioactivos na costa galega

Ana Miranda
Ana Miranda
A portavoz do BNG en Europa participa nunha conferencia sobre as consecuencias dos residuos nucleares

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, explicou a situación de falta de vixilancia dos restos radioactivos da costa galega, -onde se atopan 140.000 toneladas de residuos nucleares depositados, entre 1949 e 1982, en 220.000 bidóns na Foxa Atlántica-, na conferencia “O problema non resolto dos residuos nucleares”, que tivo lugar hoxe en Bruxelas.

Na súa intervención, Miranda considerou imprescindible que a Comisión Europea “poña data xa” á misión de verificación da radioactividade do medio mariño da costa galega, xa que en resposta a unha pregunta do BNG asegurou que inclúe esta no seu programa de misións de verificación de 2020, “de conformidade co artigo 35 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea da Enerxía Atómica”.

“No Estado español xa hai goberno, facilitado polo voto favorable do BNG, polo que xa non hai escusas para non concretar as datas da investigación en Galiza”, sinala a portavoz do Bloque en Europa, en tanto que a Comisión Europea indicaba na súa contestación que as  datas da misión de verificación “están sendo negociadas coas autoridades españolas”.

Longa demanda

Ana Miranda salientou que a análise, control e retirada dos residuos radioactivos depositados na Foxa Atlántica é unha longa demanda da sociedade galega, en particular polas demandas que no seu momento fixera Esquerda Galega e o movemento ecoloxista. Neste sentido lembrou o acto de protesta que tivo lugar o pasado 23 de maio no porto da Coruña contra a falta de control destes residuos. Esta acción contou coa participación do escritor Manuel Rivas, así como diferentes persoas que estiveron no barco Xurelo en 1981 para protestar contra estes residuos, como Manuel Méndez e Gonzalo Vázquez Pozo, entre outros.

“Case corenta anos despois desa protesta seguirmos demandando control sobre os bidóns nucleares”, salienta a portavoz do Bloque en Europa, recordando que o Xurelo enfrontouse en dúas ocasións aos cargueiros que depositaban os bidóns con residuos nucleares fronte as costas galegas, na coñecida como Foxa Atlántica. “Non queremos que Galiza sexa un cemiterio nuclear sen control”, destacou.

Anteriormente ao anuncio de que a Comisión Europea incluiría a vixilancia destes residuos no programa de misións para 2020, a propia Comisión recoñeceu que son os Estados Membros os responsables de controlar a radioactividade das súas augas pero que o Estado español non ten abordado especificamente ningún plan de control da radioactividade nesta zona aducindo que eses depósitos están fóra das súas augas. Ademais, a Comisión admitiu que non dispoñía de información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes cos que conta, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003. 

“Pola falta de acción e a falta de información actualizada reclamamos que a Comisión Europea dea a coñecer as datas da misión de vixilancia para actualizar os informes sobre o estado destes restos radioactivos, depositados a 650 quilómetros da cos galega, e o seu impacto sobre o medio ambiente e os ecosistemas mariños”, manifestou Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG