Ana Miranda insta á CE a respectar os dereitos do pobo saharaui no acordo pesqueiro con Marrocos

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG defende que as negociacións deberían celebrarse co “lexítimo dono” do Sáhara Occidental

Ana Miranda insta á CE a respectar os dereitos do pobo saharaui no acordo pesqueiro con Marrocos

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, criticou duramente o acordo de pesca que a Comisión está levando a cabo con Marrocos, xa que ao seu xuízo non respecta as resolucións internacionais ao non ter en conta as consideracións do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado mes de febreiro. Este resolución excluía as augas Saharauis do acordo pesqueiro con Marrocos e recoñecía que o único e lexítimo propietario destes recursos é o Pobo Saharaui.

“Desde o BNG cremos que a este acordo pesqueiro hai que darlle a volta”, subliñou Ana Miranda, quen lembrou que precisamente en virtude desas consideracións, o acordo de pesca asinado no 2006 entre a Unión Europea e Marrocos non era aplicable ao Sáhara Occidental.

A eurodeputada nacionalista foi moi crítica ademais coa actitude da Comisión Europea a respecto das formas de negociar con Marrocos, “indo pola porta de atrás a Marrocos, tendo a Comisión de Pesca desinformada e enterándonos do avance das negociacións pola prensa”, comentou.

“O BNG quere que se acade un acordo de pesca, pero que sexa legal e respecte as resolucións, e para iso, no tocante ás augas territoriais do Sáhara Occidental hai que facelo co Frente Polisario”, explicou Ana Miranda.

Apoio ao portavoz do Frente Polisario

Precisamente a eurodeputada nacionalista respaldou ao portavoz do Fronte Polisario, Mohamed Sidati, quen puxo en dúbida as intencións do equipo negociador da Unión Europea ao non facolitar datos sobre unha suposta consulta co Frente Polisario que nunca se produciu.

“Nós, que queremos un acordo de pesca, chegariamos a acordos perfectamente co Frente Polisario, nas súas augas. Non podemos esquecer que lles foron roubadas as súas augas, a súa terra e, seu aire e mesmo o dereito a existir, pero non só o franquismo, senón a propia Unión Europea.”, denunciou Miranda.