Ana Miranda insta á CE a impulsar un rexistro de toda a poboación afectada polo coronavirus para dar resposta global á pandemia

Ana Miranda
Ana Miranda
O Bloque critica a “falta de ambición” da Comisión Europea ao non aprobar un subsidio de paro europeo

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, urxe á Comisión Europea a impulsar unha actualización diaria de toda a poboación afectada polo Covid19 co obxectivo de dar unha resposta sanitaria, social e económica á pandemia. Miranda critica a falta de datos globais de todos os Estados Membros afectados pola emerxencia sanitaria e a súa falta de ambición xa que ao seu xuízo pon de releve a falta de previsión loxística e estatística da Unión Europea, que dificulta a solución coordinada a crise.

Segundo indica a portavoz do Bloque en Europa, a Comisión debería instar á Oficina Estatística das Comunidades Europeas (EUROSTAT) “a realizar un control de datos urxente e unha actualización diaria para prever diversos escenarios”. Ao respecto considera indispensable contar con datos sólidos, fiables, actualizados e coordinados para realizar estimacións do material sanitario preciso na actualidade e para ter unha previsión axeitada no caso de futuras pandemias que poidan existir na UE.

Reserva de material de prevención

Ana Miranda subliña que esa base de datos actualizada ten que servir para crear unha reserva estratéxica de material de prevención e de equipos médicos, tal e como xa anunciou a Comisión Europea o pasado 19 de marzo. Ao respecto considera que a creación urxente desa reserva estratéxica de equipos médicos, financiada ao 90% polo executivo comunitario, non só é unha medida idónea para facer fronte á crise causada polo Covid19 senón tamén para “ter unha previsión axeitada ante futuras pandemias”.

“Resulta impresentable a parálise e a falta de actuación coordinada da Unión Europea, froito do egoísmo de algúns estados que buscan beneficios económicos por riba da emerxencia sanitaria”, sinala Ana Miranda, quen defende que a Unión Europea tiña que ser exemplo de solidariedade e actuacións conxuntas.

Flexibilización dos Fondos de Cohesión

Para a portavoz do BNG en Europa, hai semanas que a UE debería ter posto en marcha medidas de emerxencia coordinadas a nivel europeo, entre as que figura a mobilización de forma flexible os Fondos de Cohesión. “Os fondos europeos deben servir neste momento de crise global para dar solucións como a adquisición de material sanitario de probas e prevención, axudas a autónomos e traballadores e traballadoras afectadas, así como a familias sen recursos”, explica.

Precisamente respecto á proposta da Comisión Europea de activar un fondo de 100.000 millóns para axudar a España e Italia a financiar os ERTE, Miranda critica a súa falta de ambición ao falar unicamente de préstamos aos países para pagar os ERTE e non ser capaz de aprobar un subsidio de paro europeo. “A proposta formulada pola presidenta da Comisión non chega", puntualiza a portavoz do Bloque en Europa.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG