Ana Miranda insta a CE que faga cumprir a lexislación e retire os refugallos asfálticos depositados en Cabanas

Ana Miranda refugallos asfálticos
Ana Miranda refugallos asfálticos

A eurodeputada do Bloque critica o mal uso de fondos europeos na rede de abastecemento 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, comprometeuse a levar novamente a Bruxelas o incumprimento da lexislación respecto á retirada de refugallos almacenados no polígono industrial de Vilar de Colon, en Cabanas, e a reposición do chan ao estado previo á contaminación. Segundo salientou Miranda durante a visita que realizou a este espazo xunto ao candidato do BNG á Alcaldía de Cabanas, Iago Varela, esta iniciativa dará continuidade ás preguntas dirixidas en 2018 á Comisión Europea. Asemade criticou o mal uso de fondos europeos na rede de abastecemento.

“Queremos resaltar que sería moi importante solicitar a realización dun  informe sobre o impacto na saúde destes refugallos asfálticos, nos ríos e na ría”, salientou a eurodeputada e candidata do Bloque, quen puntualizou que estes restos foron traídos de Holanda. “Parecemos o lixo de Europa entre estes refugallos e os restos radioactivos na foxa atlántica”, criticou ao respecto.

A empresa Manmer S.L. importou dos Países Baixos arredor de 800.000 toneladas de materiais asfálticos potencialmente contaminantes, e depositounos en diversos puntos do país (Porto Exterior de Ferrol, Cabanas). No caso de Cabanas, no 2011 un informe do Instituto Nacional de Toxicoloxía advertiu de que o material depositado pode ter graves repercusións sobre o medio ambiente e a saúde das persoas. 

Ademais, o depósito incumpre ademais a normativa europea, pola non adecuación das súas condicións e a súa situación, nas proximidades do río Baa, cuxo curso contaminan os refugallos. En xaneiro de 2014 a APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) emitiu unha resolución (expediente de reposición de legalidade con data 30 de xaneiro de 2014) na que recoñeceu a existencia dun problema ambiental e de saúde pública pola inadecuación da parcela na que están depositados estes refugallos.

Inacción da Xunta e o goberno municipal

“Pese a estas consideracións, nin a Xunta nin a propia APLU fixeron valer esta resolución, e máis de cinco anos despois da finalización do prazo os áridos contaminantes continúan no mesmo estado”, sinalou Iago Varela, que motivou que en 2015 o BNG presentara , unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza, instando á Xunta a cumprir coa resolución da APLU, pero á que o PP se opuxo.

“Aínda que en outubro de 2017 desde o BNG conseguimos un posicionamento unánime do pleno municipal para exixir a retirada inmediata deses refugallos, o goberno municipal de Cabanas non realizou ningunha xestión para cumprir este acordo”, critica o candidato do BNG de Cabanas.

Falta de saneamento

“Non existe saneamento integral en Cabanas pero atopamos un depósito de abastecemento en desuso cuxa construción foi financiada con fondos europeos”, denunciou por outra parte Ana Miranda, en referencia á obra de mellora do abastecemento para o polígono de Vilar de Colo, licitada en 2010 e financiada nun 70% polos fondos FEDER. 

“O obxectivo desta obra é o de dotar de presión suficiente á rede de abastecemento do polígono industrial de Vilar do Colo e a súa futura ampliación, pese a que nunca se chegou a realizar”, explica Iago Varela. Esta obra consiste  na captación de auga do río Eume, ao seu paso polo concello de Cabanas, a unha distancia aproximada de 7 km da súa desembocadura na ría de Ares; o seu bombeo para deposito de acumulación localizado no lugar da Pedra do Couto, e posterior rede de distribución cara o polígono de Vilar do Colo. 

No trámite deste procedemento, o PP de Cabanas vendeu de cara á poboación da parroquia de Laraxe que, con esta obra ademais de dotarse de presión a rede do polígono industrial, tamén serviría para abastecer de auga a unha das parroquias máis poboadas do concello. “Porén, no momento da súa licitación o BNG de Cabanas fixou a súa posición contraria á realización deste proxecto, baseando a oposición na falla de garantía de uso sanitario da auga (dado que o proxecto ten carácter industrial, non esta incluído no proxecto ningunha infraestrutura de potabilización) e no alto custe enerxético que supón bombear a auga dende o río ata o depósito de acumulación”, explica o candidato nacionalista. 

“As obras nunca foron postas en marcha e o goberno local nunca deu ningunha explicación sobre o asunto e na actualidade descoñecemos se as obras están entregadas ou non, se se existe o plan de que o fagan, se hai planeadas medidas para a potabilización da auga, ou se vai ou non servir a infraestrutura para o abastecemento da parroquia de Laraxe”, manifesta Iago Varela, quen denuncia que “en todo o caso, a día de hoxe as instalacións están en estado de abandono absoluto”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG