Parlamento Europeo

Ana Miranda insta ao goberno estatal a cumprir as recomendacións da Comisión Europea para previr a ludopatía

Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
A portavoz do BNG en Europa considera urxente aumentar a protección dos menores dos xogos de azar

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta ao goberno do Estado a cumprir as diferentes recomendacións que sinala a Comisión Europea para previr a ludopatía “dadas as graves consecuencias sociais e sanitarias” que comporta, tal e como recoñece a propia Comisión en resposta a unha pregunta presentada o pasado mes de setembro. “Ademais de apoiar e destinar recursos para as persoas que sofren os efectos desta enfermidade, é necesario afondar na protección dos consumidores e sobre todo dos menores”, salienta Miranda.

A portavoz do Bloque en Europa valora positivamente que a Comisión considere que é necesario alcanzar “un elevado nivel de protección dos consumidores, os usuarios e os menores mediante a adopción de principios para os servizos de xogo en liña e as comunicacións comerciais responsables de ditos servizos” e a súa preocupación pola situación dos menores.

Neste sentido lembra que todos os Estados membros da UE son Partes da Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno, cuxo Comité xa puxo de manifesto os riscos relacionados coas tecnoloxías da información, incluídos os xogos de azar. Así, na súa resposta, a Comisión destaca a “necesidade de establecer as salvagardas adecuadas, de garantir a información apropiada en función da idade, así como de capacitar aos nenos e incrementar a súa sensibilización sobre as oportunidades e os riscos creados polo entorno dixital”.

Diferencias entre os Estados

Pese a valorar positivamente que a Comisión Europea recoñeza a existencia dun risco real sobre a ludopatía e os xogos de azar, critica que na súa resposta se escude na existencia de “importantes diferencias morais, relixiosas e culturais entre os Estados membros” para non levar a cabo plans específicos que supoñan o desenvolvemento dunha lexislación sectorial específica sobre os xogos de azar.

“Se temos claro que as consecuencias sociais e sanitarias da ludopatía son graves e que resulta imprescindible protexer aos menores, a Comisión debería ter claras as súas prioridades e comezar xa a estudar como desenvolver unha lexislación nesta materia, en lugar de botar balóns fóra mentres aumentan os casos de ludopatía e baixa a idade das persoas afectadas”, sinala Ana Miranda ao respecto.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG