Ana Miranda

A impunidade do franquismo con Queipo de Llano é semellante á que padecemos cos Franco en Meirás

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG participa coa delegación de Memoria Histórica da Eurocámara nunha visita aos “espazos da represión” en Sevilla

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa nunha nova iniciativa do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, neste caso no percorrido en Sevilla por diversos lugares paradigmáticos da represión franquista. Deste xeito, tras a reunión celebrada con asociacións memorialísticas, un dos lugares visitados foi o Cemiterio Municipal San Fernando de Sevilla, onde vítimas da represión están enterradas en foxas e a Basílica da Macarena, onde está enterrado o xenocida Gonzalo Queipo de Llano, ademais dun encontro no Parlamento andaluz.

“Lamentablemente, a impunidade do franquismo con Queipo de Llano, enterrado con todas honras, é similar a que padecemos en Galiza coa familia Franco a respecto do pazo de Meirás, unha das propiedades incautadas polo ditador que sigue en mans da súa familia”, subliñou Ana Miranda, quen considera que esta situación é unha “grave anomalía democrática que o Estado español ten o deber de corrixir” e critica que entre as promesas do novo Goberno tripartito andaluz está un paso atrás na memoria histórica.

E precisamente para rematar con esta anomalía a deputada galega considera que o Estado español conta cunha “útil ferramenta” como é a Resolución en contra do avance do fascismo, aprobada na Eurocámara o pasado 25 de outubro. Este documento insta, no seu artigo 20, a que os Estados Membros prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É dicir, desde a Eurocámara pedimos ao Estado español que prohiba a Fundación Francisco Franco”, explica Miranda.

As emendas aprobadas nesta resolución tamén contemplan a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e a retirada de toda a simboloxía franquista, así como o desenvolvemento do traballo de contextualización e reinterpretación para que os símbolos que non sexan suprimidos contribúan á sensibilización do público e a recuperación da memoria histórica.

Visibilidade internacional

A visita a Sevilla enmárcase nas iniciativas organizada polo grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, integrada por deputadas e deputados de distintos países e de diferentes grupos políticos agás o PP, entre as que destacan a visita ao Val de Cuelgamuros, para reclamar a retirada dos restos do ditador, e a visita ao pazo de Meirás, onde a delegación puido comprobar como alí se fai apoloxía da ditadura.

“Desde o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara queremos acadar visibilidade internacional para o problema da impunidade do franquismo e rematar co incumprimento de principios europeos sobre a memoria democrática nestes tempos de involución democrática como o novo goberno andaluz, que se permite mesmo usurpar figuras como Lorca, asasinado polo franquismo”, salienta Ana Miranda ao tempo que denuncia o continuo incumprimento da Lei de Memoria Histórica e do Informe da ONU sobre o franquismo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG