ANA MIRANDA

Galiza debe ter máis fondos europeos para axudar ás persoas con Alzheimer, os seus familiares e coidadoras

Ana MIRANDA in the EP in Strasbourg
Ana MIRANDA in the EP in Strasbourg

A eurodeputada do BNG forma parte da “Alliance Alzheimer Europa” do Parlamento Europeo

Galiza debe ter máis fondos europeos para axudar ás persoas con Alzheimer, os seus familiares e coidadoras

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no marco do Día Mundial do Alzheimer que se conmemora o 21 de setembro, defende aumentar o investimento nos programas de investigación desta enfermidade e demais enfermidades neurodexenerativas. Ao seu xuízo, son numerosos os proxectos europeos, mais insuficientes, polo que considera que “Europa debe implicarse máis, igual que todas as administracións”.

“Atopámonos nun momento crucial de debate do orzamento comunitario e dos futuros fondos europeos para o período 2021-2027 e dende o noso grupo consideramos que debe ser unha prioridade das políticas públicas maior investigación, concienciación e medios”, subliña a eurodeputada nacionalista, quen defende que “Galiza debe ter máis fondos europeos para axudas ás persoas con Alzheimer, os seus familiares e coidadores”.

Ana Miranda forma parte do grupo de eurodeputadas e eurodeputados da "Alliance Alzheimer Europa", un grupo de traballo que coordina diversas accións para mudar as políticas que permitan ter medios acordes coa gravidade das doenzas. E precisamente como eurodeputada integrante deste grupo, así como por ser unha persoa afectada familiarmente por esta enfermidade, Miranda quere expresar o seu apoio explícito á campaña que organiza a Federación Alzheimer Galicia, que este ano se desenvolve baixo o epígrafe “Ela non se acordará, e ti?”.

Miranda considera imprescindible un maior investimento nos programas de investigación, pero tamén nos que se refiren á concienciación social sobre as consecuencias desta enfermidade, que segundo os datos que manexan as asociacións pode afectar en Galiza a unhas 100.000 persoas.

Mapa do impacto da enfermidade

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque súmase ás suxestións da Federación Alzheimer Galicia, que demanda a posta en marcha en Galiza dunha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias que involucre a todos os eidos da Administración Pública, así como a realización dun estudo da situación real do Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas que permita crear un mapa que permita coñecer o impacto da doenza en Galiza.

Neste contexto de conmemoración do Día Mundial do Alzheimer, a eurodeputada nacionalista participará na xornada que terá lugar o vindeiro martes, 25 de setembro en Bruxelas, na xornada “O impacto socioeconómico do Alzheimer en Europa”.

Galiza debe ter máis fondos europeos para axudar ás persoas con Alzheimer, os seus familiares e coidadoras