Ana Miranda esixe a fin da criminalización das entidades que realizan tarefas de salvamento no Mediterráneo

Ana Miranda rescate Astral
Ana Miranda rescate Astral

A eurodeputada do BNG critica que decisións como o da fiscalía de Ragusa contra Open Arms buscan eliminar testemuños da violación dos dereitos humanos

Ana Miranda esixe a fin da criminalización das entidades que realizan tarefas de salvamento no Mediterráneo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia a criminalización que están vivindo entidades que realizan tarefas de salvamento marítimo, como Proactiva Open Arms. Ao seu xuízo, o traballo que fan estas organizacións no Mediterráneo “é indispensable mentres non rematen os conflitos nos países de orixe”.

“A criminalización das organizacións humanitarias busca eliminar os testemuño que denuncian as violacións dos dereitos humanos no Mediterráneo”, salienta Miranda en referencia á acusación vertida contra o capitán e o xefe de misión do Open Arms por parte da fiscalía de Ragusa (Sicilia) de favorecer a inmigración ilegal.

Para Ana Miranda é fundamental que a voz da Eurocámara poida escoitarse neste sentido e lembra que a raíz da interceptación en Italia dunha das embarcacións de Open Arms en medio dunha operación de rescate, no pasado mes de abril o Parlamento Europeo aprobou  unha resolución na que se pide non criminalizar a axuda humanitaria e recoñecer o traballo que realizan estas organizacións. O documento, que foi aprobado con 516 votos a favor, 137 en contra e 43 abstencións, tamén menciona que a protección dos menores, independentemente de si son refuxiados ou non, debe ser un obxectivo prioritario.

“Os estados europeos teñen que asumir as súas responsabilidades e non poden deixar morrer persoas no Mediterráneo”, destaca a eurodeputada do BNG, quen por outro lado valora positivamente a aprobación onte do visado humanitario como medida que permitirá reducir o risco das persoas que tentan chegar a Europa. 

Visado humanitario

A iniciativa aprobada onte permitirá ás persoas solicitantes de asilo iniciar os trámites para obter os visados en embaixadas e consulados fóra da UE, a través dos que poderían viaxar legalmente a un país comunitario e xa nel solicitar asilo. “Temos que traballar para reducir as mortes no mar e proporcionar vías seguras de entrada co visado humanitario é un mecanismo que vai neste sentido”, explica Miranda, quen lembra que o sistema de asilo europeo actual só permite que as solicitudes sexan administradas unicamente polo primeiro país de entrada.