Ana Miranda denuncia a hipocrisía do goberno central ao bloquear os barcos que salvan vidas no Mediterráneo

Ana Miranda Aita Mari
Ana Miranda Aita Mari

A eurodeputada do BNG visitou o buque Aita Mari, que leva semanas bloqueado no porto de Bilbao

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia o cambio da política migratoria do goberno central, que pasou de abrir as portas ao buque Aquarius no pasado mes de xuño a reter aos barcos Aita Mari en Bilbao e Open Arms en Barcelona. “Atopámonos cunha terrible hipocrisía do goberno central, que hai medio ano buscou quedar ben diante da comunidade internacional pero que agora non ten reparo en causar ducias de mortos no Mediterráneo froito do seu bloqueo”, explica Ana Miranda, quen acusa ao Executivo de Sánchez de escudarse nun suposto incumprimento dos requisitos esixidos para poder navegar.

Para a eurodeputada nacionalista o “telón de fondo” desta situación radica no cambio da política migratoria do goberno e no avance da criminalización que están vivindo as entidades que realizan tarefas de salvamento marítimo. Porén, segundo Miranda, “o traballo que fan estas organizacións no Mediterráneo é indispensable mentres non rematen os conflitos nos países de orixe”. “Salvar vidas e rescatar persoas que foxen da guerra e a miseria non pode ser delito”, engade.

A eurodeputada do Bloque visitou o Aita Mari, un pesqueiro modificado para poder levar a cabo accións humanitarias, que está actualmente no porto de Bilbao. Durante a visita, a tripulación explicoulle a demora que están sufrindo para que a Dirección da Mariña Mercante lle conceda a autorización para abandonar o porto e poder saír en ir misións de rescate. 

Visado humanitario

“É curioso que mentres no Parlamento Europeo aprobamos a tramitación do visado humanitario -na sesión plenaria do pasado mes de decembro-, o goberno español se sitúe na mesma liña que Italia ou Malta”, sinala por outro lado Ana Miranda, ao tempo que explica que o visado humanitario permitirá ás persoas solicitantes de asilo iniciar os trámites para obter os visados en embaixadas e consulados fóra da UE, a través dos que poderían viaxar legalmente a un país comunitario e xa nel solicitar asilo. 

Segundo salienta a eurodeputada galega, mentres esta ferramenta xurídica non sexa aplicada, cómpre que o goberno desbloquee os permisos ás entidades que realizan tarefas de salvamento. “Estamos diante da denegación da autorización para asistir a persoas en perigo en alta mar”, denuncia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG