Parlamento Europeo

Ana Miranda denuncia a discriminación de Galiza ao non apostar pola súa inclusión no Corredor Atlántico

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
A portavoz do Bloque en Europa critica que tanto PP como PSOE apostan por outros territorios en detrimento de Galiza

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera inxustificable que o goberno do Estado non aposte por incluír Galiza no Corredor Atlántico de Redes Transeuropeas de Transporte, da mesma forma que fixo o PP na lexislatura pasada. “Lamentablemente asistimos a un novo capítulo da discriminación de Galiza, da que non se libra nin o PSOE nin o PP, xa que ningún dos dous apostaron por incluír as cidades galegas nesta rede”, destaca Miranda.

Para a representante do Bloque en Europa, a aposta do goberno estatal por outros territorios implica que se priva a Galiza de ferramentas e financiamento para impulsar un desenvolvemento económico sostible e na aposta polos modelos de transportes sustentables na loita contra a emerxencia climática, que son parte dos criterios nos que trata de avanzar a Unión Europea. Neste sentido apunta que segundo a UE no horizonte do 2030 os diferentes corredores deberían estar dotados con todos os servizos.

Ana Miranda lembra que a inclusión de Galiza no Corredor Atlántico é unha das “demandas históricas do BNG”, tanto no Parlamento Europeo como Congreso e no Parlamento Galego, coa presentación de diversas iniciativas. Así, tres das emendas presentadas no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 referíanse á inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril.

Pero xa no 2013 Ana Miranda defendeu na Eurocámara a inclusión de Vigo e A Coruña nesta rede, pero de forma sucesiva, tanto os gobernos do PP como do PSOE decidiron investir noutros territorios, “privando a Galiza dun proxecto fundamental para fortalecer a súa economía”.

Marco financeiro plurianual

Por outro lado, a portavoz do BNG en Europa sinala que coa aprobación do marco financeiro plurianual 2021-2027 –acordado polo Consello Europeo que tivo lugar en xullo e referendado polo acordo acadado entre os países da UE e o Parlamento Europeo esta semana-, “ábrense novas posibilidades para poñer en marcha o Corredor Atlántico”. Pero, ao respecto Miranda apunta que a inclusión deste corredor dependerá das negociacións que leve a cabo o Estado coa Comisión.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG