Parlamento Europeo

Ana Miranda denuncia a destrución do tren Alvia sen ter a investigación independente sobre o accidente de Angrois que demanda a UE

Miranda Pontón Bulc vítimas Alvia
Miranda Pontón Bulc vítimas Alvia
O BNG critica os continuos retrasos do goberno central na posta en marcha de medidas que eviten outro sinistro

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera un “auténtico despropósito” o inicio do despezamento do tren que sufriu o accidente en Angrois o 24 de xullo de 2013 sen que exista unha investigación independente sobre as súas causas, que sete anos despois do accidente sigue sen levarse a cabo. A realización desta investigación é un dos requirimentos que esixe a Unión Europea no procedemento de infracción aberto contra o Estado español en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria a raíz dunha denuncia presentada polo propio BNG.

“Parécenos unha irresponsabilidade que Renfe leve a cabo a destrución deste tren sen dar cumprimento ás esixencias da Unión Europea e así llo trasladaremos á comisaria de Transportes, Adina Valean, na seguinte reunión que teñamos con ela”, salienta Ana Miranda, quen co obxectivo de abordar diversas cuestións ten previsto manter un encontro coa comisaria a partir do mes de setembro. A portavoz do Bloque en Europa mantivo unha relación fluída súa antecesora no cargo, Violeta Bulc, e pola súa intermediación as vítimas puideron reunirse con ela en diversas ocasións.

Precisamente sendo Violeta Bulc comisaria de Transportes da UE, en xaneiro de 2019 a Comisión Europea iniciou un procedemento de infracción contra o Estado español como consecuencia da denuncia presentada polo BNG na Comisión Europea en 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria e por non facer o control de riscos que esixe a Directiva Marco de seguridade ferroviaria.

Vindeiros pasos

Ana Miranda avanza que nese vindeiro encontro o Bloque tamén preguntará á Comisaria cando tivo lugar o último contacto coas autoridades españolas para abordar os requirimentos especificados no procedemento de infracción relacionados coa correcta execución da Directiva 2004/49/CE. “Ano e medio despois da apertura dese procedemento de infracción queremos saber que pasos deu o Estado español para cumprir a normativa comunitaria e como vai proceder a Comisión Europea nos vindeiros meses”, salienta.

“Temos claro que a única vía aberta é Europa, xa que aquí nin os sucesivos gobernos de PP e PSOE e agora de PSOE con Unidas Podemos deron ningún paso para que esa investigación se realice cos criterios que establece a Comisión Europea”, sinala, ao tempo que critica os continuos retrasos no cumprimento dos requirimentos que marca a CE, ao solicitar sucesivas prórrogas. “Non só é grave que PP, PSOE e Unidas Podemos non cumpran as directrices da Unión Europea para coñecer as causas profundas que ocasionaron o accidente de Angrois e que non teñan a dignidade de manter un encontro coas vítimas. Tanto ou máis grave que isto é que non están facendo nada para evitar accidentes similares no futuro aplicando a normativa europea”, denuncia.

Ana Miranda subliña que “no BNG non pararemos até que no Estado español se implemente a normativa europea de seguridade ferroviaria nin até que teñamos enriba da mesa unha investigación independente nin até que as vítimas teñan verdade, xustiza e reparación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG