Ana Miranda defende que a nova Política Pesqueira Común recolla as particularidades da pesca galega

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada nacionalista considerou nas xornadas de pesca de Celeiro que a actual PPC é “un fracaso” na xestión

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, incidiu na necesidade de que a nova Política Pesqueira Común recolla as particularidades da pesca galega e dea resposta as súas necesidades respectando o equilibrio entre criterios científicos, sociais, medioambientais e o mantemento do emprego. “É inaceptable que a Comisión siga crendo que a actual PPC poida seguir vixente, despois de tantos cambios que tiveron un impacto tan significativo no sector pesqueiro e das poboacións que viven da pesca”, salientou Miranda nas xornadas de pesca de Celeiro, nas que tamén asistiron o deputado Daniel Castro, a portavoz municipal Miriam Bermúdez e o responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga.

Ana Miranda considerou que a PPC actual é un fracaso desde o punto de vista da xestión pesqueira. Segundo incidiu a eurodeputada nacionalista, a PPC futura debería ter unha verdadeira revisión do sistema actual de xestión pesqueira, “porque é evidente que non se solucionou o problema dos descartes, o problema das estatísticas sobre información de capturas, a discriminación que provoca o estático criterio de estabilidade relativa”. Neste sentido manifestou que é imprescindible un cambio de enfoque “radical” posto que debido a súa inflexibilidade, a Comisión fracasou no seu obxectivo de cumprir os obxectivos marcados para 2020, “cunha gran descompensación” entre os mesmos, que ás veces levan á discriminación da pesca galega.

Como exemplo do fracaso da actual PPC en Galiza como potencia pesqueira, Ana Miranda explicou os seus efectos negativos, debido á constante redución de frota. Así, citou que 2004 estaban rexistrados 5.600 buques e en 2012 esa cifra se reduciu a 4.600 buques; é dicir en apenas 9 anos Galiza perdeu 1.000 buques. “E sigue perdendo barcos desde a nova PPC, xa que na actualidade ten 4.237 unidades”, indicou, ao tempo que sinalou que en frotas comunitarias e do caladoiro estatal, a redución tamén é drástica, cun 22% menos de buques, así como unha redución de case o 2% do emprego nestes 9 anos. “O obxectivo da Comisión, sen dúbida, foi e é o desmantelamento da frota”, denunciou.

A importancia da dimensión social

Ana Miranda destacou que a reforma da PPC ten que contemplar a dimensión social como unha prioridade. Neste sentido mencionou a mellora das condicións de traballo, a mellora da formación marítimo pesqueira no sector, da modernización da frota para facer que os buques de pesca sexan máis seguros nas duras condicións que ten a pesca en xeral. Por outro lado, a eurodeputada do BNG tamén fixo referencia á definición de pesca artesanal establecida pola Comisión, que o Bloque considera “desfasada e que non corresponde á realidade”, xa que está centrada no tamaño do barco.

Así, o Bloque propón que na futura revisión a Comisión elabore unha definición que atenda a varios criterios como as particularidades e diversidades rexionais, a xeomorfoloxía, os aspectos técnicos da pesca como os tipos de artes sostibles, os aspectos sociais, científicos, biolóxicos e medio ambientais. Para o Bloque, a frota artesanal de pesca e marisqueo ten unha singularidade especial e debe ser excluída de Tac’s e cotas e deben ser respectadas as competencias propias atendendo ao modelo de gobernanza.

Ademais, Miranda sinalou que é preciso mellorar o coñecemento socioeconómico do sector, xa que o Comité Científico Técnico e Económico da Pesca (CCTEP), que asesora á Comisión sobre a pesca, apenas dispón de datos ou informes socioeconómicos necesarios para medir o impacto que supón a redución das posibilidades de pesca nas distintas áreas. Neste sentido apuntou que a futura PPC debería darlle máis peso aos Consellos consultivos e unir ao sector científico cos entes de representación do sector, para que a Comisión Europea tivera “asesoramento realista”.

Incidindo no fracaso da actual PPC, respecto ao criterio de estabilidade relativa, Ana Miranda sinalou que a Comisión o mantivo inxustamente, xa que está baseado nos dereitos históricos de determinados Estados membros sobre determinadas pesquerías, sabendo que implica unha discriminación para a frota galega e española. “Criticamos profundamente que a Comisión non reformara este criterio na reforma pasada e demandamos unha e outra vez que se revise, que se actualice e se adapte aos cambios nas frotas, na xestión pesqueira, na necesidade de proporcionar alimentos da pesca”, sinalou Miranda.

No tocante ao sistema actual de Tac’s e cotas a eurodeputada do Bloque sinalou que o seu fracaso vén dado porque xera discriminacións e distorsións entre as flotas comunitarias, mantén dereitos históricos desfasados, provoca descartes en especies de alto valor comercial, a infrautilización de cotas a Estados que non as necesitan, que só alcanzan o 75%, así como mercadeos entre Estados en lugar de ter unha situación de seguridade xurídica adaptada á realidade actual.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG