Ana Miranda critica que as vítimas do Alvia sexan ninguneadas na comisión de investigación no Congreso

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do Bloque critica a diferencia de trato dispensado en Bruxelas e Madrid

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, critica que a Comisión de Investigación do accidente do Alvia non permita unha segunda comparecencia das vítimas. “É unha vergonza que mentres no Parlamento Europeo as vítimas puideron comparecer na Comisión de Peticións e foron recibidas pola Comisaria Europea de Transportes, en Madrid son ninguneadas”, denuncia.

Para o BNG “non é de recibo” esta diferencia de trato entre Bruxelas e Madrid. “As vítimas compareceron en Bruxelas xa tres veces coas máis altas instancias europeas, incluíndo a Comisaria, polo que non me parece nin ético nin estético que non podan volver comparecer no Congreso”, manifesta Miranda ao respecto, lembrando que foron recibidas pola comisaria de Transportes e Mobilidade da Unión Europea, Violeta Bulc, o pasado 26 de xuño.

A eurodeputada do Bloque considera que incluso as vítimas deberían poder estar presentes ao longo de todas as sesións que se celebren no Congreso e deberían ser “tratadas co máximo respecto e consideración despois destes cinco anos de sufrimento” que van desde que aconteceu o accidente de Angrois.

Intenso traballo desde o inicio

Ana Miranda leva traballando intensamente no dosier do Alvia dende o accidente hai xa cinco anos xunto as vítimas para coñecer a verdade e depurar responsabilidades. Así, impulsou a presentación das denuncias na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en 2014 e mantivo unha reunión cos altos responsables de Seguridade Ferroviaria que tivo como consecuencia a entrega do informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) hai xa dous anos, no que se cuestiona a independencia da investigación realizada pola CIAf.

“Mentres en Europa conseguimos dar pasos, no Estado español as trabas de PP e PSOE para que se leve a cabo unha investigación independente son inmensas”, sinala ao tempo que reitera a súa convicción de que na curva de Angrois non se fixo a pertinente avaliación de riscos, polo que o BNG rexistrou en 2017 ante a UE unha denuncia contra o Estado español por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria na liña 082.

Precisamente a presión exercida polo BNG a petición das vítimas fixo posible o envío do informe por parte da Axencia Ferroviaria Europea ao xulgado instrutor do accidente do Alvia, bloqueado durante meses nalgún xulgado francés ou español. Este documento da ERA contradí os argumentos empregados por Adif e Renfe ao longo do procedemento, centrados na culpabilización do maquinista. Pola contra, a Axencia Ferroviaria europea considera que a desconexión do sistema de seguridade ERTMS, autorizada por Andrés Cortabite un ano antes do sinistro, supón “cambios que se cualificarían razoablemente como significativos e cun impacto na seguridade, cuxos riscos débense avaliar sistematicamente” non só por Adif e Renfe senón tamén por un organismo independente, algo que non se fixo.

Ademais, este documento sinala que tanto Adif como Renfe debían ter en conta o risco de descarrilamento por exceso de velocidade, pero a empresa contratada por Adif para avaliar os riscos (Ineco) analizou o trazado xusto até antes de Angrois, pero non esa curva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG