PARLAMENTO GALEGO

Ana Miranda critica o peche do xuízo do Alvia sen que ADIF realice unha investigación independente como reclama Europa

visita Alvia Comisión Europea
visita Alvia Comisión Europea
O BNG pregunta á Comisión Europea que pasos dá para facer cumprir ao Estado español o procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019
Ana Miranda critica o peche do xuízo do Alvia sen que ADIF realice unha investigación independente como reclama Europa

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera que “non é unha boa nova” o novo peche do xuízo do Alvia, no que o titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago mantén como acusados o maquinista do tren sinistrado hai xa sete anos e o antigo director de Seguridade do tráfico de Adif. “Vemos que a única vía que ten interese por chegar até o final é Europa”, sinala.

“Desde o BNG seguimos pensando que hai responsabilidades políticas no accidente que van máis alá da responsabilidade do maquinista e o antigo director de Seguridade. Ademais consideramos que este peche non é atinado cando Adif aínda non realizou a investigación independente que reclama a Comisión Europea no procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019”, explica Ana Miranda.

A portavoz do Bloque en Europa sinala que xa non hai xustificacións posible para que se produzan máis retrasos no cumprimento dos requirimentos do procedemento de infracción, polo que en pregunta dirixida á Comisión Europea a través da coalición Agora Repúblicas Miranda pregunta cando foi o último contacto coas autoridades españolas para abordar as preocupacións manifestadas na carta de emprazamento e relacionadas coa correcta execución da Directiva 2004/49/CE.

No escrito dirixido á Comisión tamén pregunta como vai proceder a respecto deste procedemento de infracción pendente nos próximos meses. “Ano e medio despois da apertura dese procedemento queremos saber que pasos deu o Estado español para cumprir a normativa comunitaria e como vai proceder a Comisión Europea”, destaca Miranda, quen denuncia que “desde que sucedeu o accidente, os distintos gobernos do Estado, tanto de PP como de PSOE, como de PSOE con Unidas Podemos non fixeron nada por garantir unha investigación independente e ter en conta ás vítimas”.

Outro ano de despropósitos

“Continuamos outro ano de despropósitos a respecto do accidente do Alvia”, subliña Ana Miranda, quen lembra que xa no mes de marzo trasladou información complementaria á Comisión Europea -co fin de que sexa incorporada na investigación en curso contra o Estado Membro- que inclúe a información falaz ofrecida polo goberno español á pregunta rexistrada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Nesa resposta se aseguraba que a CIAF “goza de plena independencia funcional respecto de calquera organismo ou entidade” e que o “informe elaborado realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente”, aspectos desmentidos pola propia Axencia Ferroviaria Europea que sinalou que a CIAF non cumpriu axeitadamente a súa obriga de investigar o accidente, tal e como tamén o sinalou o xefe do departamento de Seguridade da ERA, Chistopher Carr, cando compareceu na Comisión de Investigación do Congreso, en novembro de 2018.

Outro dos despropósitos deste ano refírese á denuncia de un extraballador de Talgo segundo a cal a empresa ordenou o borrado das avarías do tren acontecidas poucas horas antes do descarrilamento. A raíz desta denuncia foron chamados a declarar catro empregados de Talgo o pasado 10 de xullo, tras a suspensión das declaracións en catro ocasións.

Finalmente, o despezamento do tren que sufriu o accidente, autorizado por RENFE, sen dar cumprimento as esixencias da Unión Europea “é o terceiro gran despropósito deste ano relacionado co accidente de Angrois”, salienta Ana Miranda, quen destaca que estes asuntos “serán coa actual comisaria de Transportes, Adina Valean, na seguinte reunión que teñamos con ela”.

 

Ana Miranda critica o peche do xuízo do Alvia sen que ADIF realice unha investigación independente como reclama Europa