Ana Miranda: “Que A Coruña e Vigo estean incluídas no Corredor Atlántico era o lóxico desde o minuto cero”

corredor atlántico
corredor atlántico

O Bloque presionará no Parlamento Europeo para que os dous portos teñan o máximo orzamento posible

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo hoxe unha primeira valoración do comunicado da Comisión Europea no que lle confirma persoalmente a proposta de anexión de A Coruña e Vigo no denominado Corredor Atlántico de Redes Europeas de Transporte. “Que as cidades de A Coruña e Vigo estean incluídas neste corredor era o lóxico desde o minuto cero”, subliñou ao respecto.

“É unha boa nova, pero o BNG seguirá facendo toda a presión posible para que esta proposta saia adiante”, asegurou a eurodeputada nacionalista, quen advertiu de que precisamente é unha proposta non aprobada e na que podería haber cambios que ten que ser ratificada polo Parlamento e polo Consello, tal e como hoxe apuntou a Comisión.

Ana Miranda lembra que a inclusión das cidades galegas neste corredor transeuropeo se trata dunha constante demanda do BNG que mesmo acadou o respaldo da ALE (agrupación de partidos á que pertence o BNG), na súa asemblea xeral celebrada o pasado mes de abril.

“Era un esquecemento moi grande deixar os portos de Vigo e A Coruña fóra da rede con graves repercusións económicas para Galiza”, destaca a eurodeputada do BNG, que afirma que esta emenda vén dada pola presión feita desde hai anos despois de que o Estado español se esquecera de incluílas na rede. 

O BNG considera que non figurar na rede transeuropea de transporte significaba estar  nunha pésima posición á hora de impulsar a economía, cando efectivamente temos potencial e temos capacidade para que os nosos portos e os nosos aeroportos estean ben conectados.

Oportunidades perdidas

Ana Miranda lembra que, desde que ela defendeu a inclusión de Vigo e A Coruña nesta rede no ano 2013, -na súa anterior etapa como eurodeputada-, o goberno do PP decidiu investir noutros territorios, mais non en Galiza, “deixando pasar moitas oportunidades que até agora foron oportunidades perdidas”.

Precisamente, tres das numerosas emendas presentadas no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 referíanse á inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril. Unha das emendas aceptadas foi a conexión do ramal de Palencia aos portos e plataformas intermodais de Vigo e A Coruña, para que o Estado o cofinanciase con fondos europeos. 

“No BNG entendimos que aquilo era un mandato claro para que o Goberno español -vía Ministerio de Fomento- investise en Galiza, algo que lamentablemente non cumpriu”, sinala Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG