Parlamento Europeo

Ana Miranda: “O BNG seguirá presionando para que non haxa máis retrasos inxustificados no saneamento integral da Ría do Burgo”

MIranda ría do Burgo
MIranda ría do Burgo (Arquivo)
O dragado conta cun financiamento do 80% de fondos europeos e a actuación debe ser cofinanciada polo Estado

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, valora positivamente que a Comisión Europea asegure que seguirá de cerca o dragado da ría do Burgo, -tal e como trasladou nun comunicado a Comisión de Peticións á Confraría de Pescadores da Coruña-, e subliña que o Bloque en Europa seguirá presionando para que o saneamento integral desta ría “sexa unha realidade” e non se produzan máis retrasos inxustificados.

“No BNG en Europa conseguimos que dúas delegacións internacionais visitaran a ría do Burgo para comprobar o seu estado e que na Comisión de Peticións interviñeran representantes dos colectivos de afectados en xaneiro de 2019, así que non imos parar até conseguir o seu saneamento integral”, salienta Ana Miranda, quen mantén un contacto continuado coa Confraría de Pescadores da Coruña e diversos os colectivos non só sobre a situación da denuncia presentada na Comisión de Peticións, senón tamén sobre as súas condicións laborais.

A actuación conta cun 80% de fondos europeos, chegando aos 36 millóns de euros dos 46 millóns que suporá a execución total da obra, cuxa xestión debe asumir o Estado, ao igual que o custe restante. Desta forma, segundo Ana Miranda “existindo os fondos non pode haber máis retrasos inxustificados por parte de PP e PSOE que impidan a limpeza dos lodos contaminados e a rexeneración integral da ría”.

Recuperación medioambiental e laboral

Segundo destaca a portavoz do BNG en Europa, o saneamento da ría do Burgo suporá un importante paso de recuperación medioambiental que implica a mellora da calidade das augas, cumprimento así a Directiva Marco da Auga. A propia Comisión recoñece que “a capa de lodo contaminado que se depositou na parte superior do fondo do estuario tras décadas de vertidos incontrolados sigue tendo consecuencias prexudiciais importantes para os ecosistemas e os medios de subsistencia dos recolectores de moluscos restantes”.

Esta mellora da calidade das augas permitirá, asemade, recuperar os postos de traballo perdidos nestes anos no sector da pesca e o marisqueo. Neste sentido Miranda lembra que O Burgo chegou a contar con máis de 2.000 mariscadoras e mariscadores en activo, mentres que na actualizade son menos de cen persoas as que realizan as actividades extractivas. “No BNG estaremos vixiantes a que os fondos europeos se executen correctamente e poidamos ver os froitos da recuperación da ría do Burgo”, conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG