PARLAMENTO EUROPEO

Ana Miranda alerta das consecuencias dun Brexit duro para a pesca galega se as axudas dependen exclusivamente do FEMP

Ana Miranda
Ana Miranda
A Comisión Europea responde ao BNG que as compensacións económicas só serán para o ano 2020 en caso de producirse unha saída abrupta do Reino Unido
Ana Miranda alerta das consecuencias dun Brexit duro para a pesca galega se as axudas dependen exclusivamente do FEMP

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, fai unha chamada de atención sobre as consecuencias que terá para a frota pesqueira galega de producirse un Brexit duro, posto que a Comisión Europea explica que neste caso “os Estados Membros poderán conceder unha compensación até finais de 2020 con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca pola paralización temporal das actividades pesqueiras”.

Indícao así a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, en resposta a unha pregunta formulada por Ana Miranda a respecto das consecuencias que tería dunha saída abrupta do Reino Unido da Unión Europea sobre as condicións de vida da cidadanía comunitaria, en particular dos miles de galegos e galegas desprazados ao Reino Unido así como o sector pesqueiro galego.

Para a portavoz do BNG en Europa, trátase dunha “resposta preocupante, posto que ao seu xuízo “estamos nun período no que xa quedan poucos cartos do FEMP”, de forma que a situación se pode complicar a partir de 2021. “Dende o Bloque cremos que os gobernos non se están preocupando suficientemente polos efectos do Brexit nas persoas de forma directa e nos diferentes sectores”, salienta Miranda ao respecto, ao tempo que considera que “aínda está todo no aire”.

Plan de continxencia

Neste sentido Ana Miranda reitera a elaboración dun “plan de continxencia”, xa demandada en numerosas ocasións anteriores, que permita contemplar os diferentes espazos políticos e económicos para dar resposta aos distintos sectores afectados polo Brexit. Por outro lado, a respecto dos buques galegos que operan con bandeira británica ou de Malvinas, a Comisión indica que “estarán suxeitos ás normas da UE relativas aos buques de terceiros países, mentres que as normas de propiedade e investimento para tales buques estarán determinadas polo Dereito nacional do Reino Unido e as Illas Malvinas”.

No tocante á situación dos galegos e galegas desprazados ao Reino Unido, arredor de 40.000, a Comisión Europea sinala que “os cidadáns da UE que residan legalmente neste país no momento da retirada seguirían tendo dereito a residir no Reino Unido e a traballar nel nas mesmas condicións que os nacionais de Reino Unido e continuarían disfrutando dos beneficios das normas sobre a coordinación da seguridade social”.

Ana Miranda valora positivamente que a Comisión Europea asegure que vai seguir “atentamente” a evolución da situación, aínda que considera unha “maior axilidade” para dar resposta as incertidumes que viven os galegos e galegas residentes no Reino Unido con relación ao seu futuro.

Ana Miranda alerta das consecuencias dun Brexit duro para a pesca galega se as axudas dependen exclusivamente do FEMP