Ana Miranda acusa á Unión Europea de querer eliminar a pesca galega por interese comercial

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
A eurodeputada nacionalista critica que a Comisión Europea non teña en conta o criterio socioeconómico para decidir o veto á pesca de fondo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, critica a negativa do Comisario de Pesca, Virginijus Sinkevicius, a revisar o veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico, tal e como reiterou no Consello de Pesca e Agricultura celebrado hoxe en Bruxelas. “É evidente que tras a decisión deste veto hai un interese comercial de botar a frota galega de determinados caladoiros e de continuar cunha política de importacións de peixe de fóra”, manifesta Miranda.

“Por que o Comisario Sinkevicius non quere avaliar o impacto socioeconómico do veto da pesca de fondo? Calculou o Comisario a perda que supón para determinadas frotas como a galega? Calculou o número de traballos en risco? Calculou a que comunidades pesqueiras afecta?”, pregúntase Miranda, para quen os tres criterios de avaliación do impacto -científico, ambiental e socioeconómico- son fundamentais e imprescindibles para tomar unha decisión desta envergadura.

Considera que o comisario afonda no defecto de forma ao non ter en conta un deles, o socioeconómico, e mesmo no científico ao ter en conta no informe só a determinadas artes da pesca de fondo e non a todas como o caso do palangre de fondo. “Estaremos vixiantes á presentación do novo informe científico, previsiblemente o vindeiro mes de novembro”, destacou Ana Miranda, quen manifesta a súa fonda preocupación polo efecto da decisión da Comisión Europea na frota e vilas galegas e sinala que o BNG insistirá na necesidade de que se presente o estudo socioeconómico.

Indefensión da frota galega

A eurodeputada nacionalista critica a indefensión na que queda a frota galega tras esta decisión da Comisión Europea, que entrará en vigor o 9 de outubro. “A Unión Europea non ten en conta a pesca galega nin a graves consecuencias que pode ter a nivel social e económico un veto deste tipo en moitos portos e traballos en mar e terra de Galiza”, denuncia. Mais Ana Miranda tamén critica que nun Consello tan importante para Galiza como o que se celebrou hoxe asista o Ministro de Pesca e Agricultura sen que haxa presenza galega. O BNG reivindica a presenza galega nos Consellos de Pesca, reivindicación histórica do BNG. “Se houbera en Galiza un Goberno do BNG isto non pasaría”, salienta.

Ademais de poñer en coñecemento da Defensora do Pobo Europeo a drástica decisión da Comisión Europea, a eurodeputada do Bloque tamén solicitou ao Comisario de Pesca unha reunión urxente e trasladou ao presidente da Comisión de Pesca a solicitude de que inclúa este tema na vindeira reunión da Comisión, este xoves 29 de setembro. “Desde o BNG faremos todo o que estea na nosa man para defender ao noso sector pesqueiro”, manifestou.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG