Ana Miranda acusa ao PP de pechar a denuncia contra SOGAMA para tapar a ineficacia do goberno galego

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG lamenta o atraso no trámite da Petición presentada en 2014 e anuncia que reclama a súa reapertura

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou a decisión do PP de forzar o peche da denuncia presentada pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe na Comisión de Peticións contra a xestión dos residuos que leva a cabo SOGAMA. Asemade denunciou o atraso na súa tramitación, xa que foi presentada por este colectivo en 2014 e foi tratada hoxe no Parlamento Europeo grazas ao traballo constante do Bloque, quen foi o mediador para que esta denuncia colectiva chegara, hai catro anos, á Eurocámara.

“É unha vergonza que o Partido Popular veña ao Parlamento Europeo a dicir que SOGAMA cumpre coa normativa europea”, manifestou Ana Miranda ao tempo que anunciou que o Bloque xa se dirixiu hoxe á Presidenta da comisión competente, para que esta petición sexa reaberta tras a aportación de novos datos que demostren os incumprimentos de SOGAMA.

A eurodeputada do BNG considera que os eurodeputados populares só foron á Comisión de Peticións “para evitar que a denuncia continúe pero sen ter en conta que SOGAMA está reciclando debidamente e que se está transportando o lixo ineficazmente e que están cobrando aos concellos por non reciclar”.

Segundo a denuncia presentada pola Plataforma, integrada por máis de 35 asociacións, o modelo SOGAMA non cumpre a Directiva Marco de Residuos porque non respecta a xerarquía de residuos en tanto que está baseado na non separación na orixe dos materiais, o enterramento e a incineración ineficiente.

Incumprimento na reciclaxe

Precisamente no ano 2016 Sogama fixo pública a súa memoria de 2015, na que explica que o índice total de reciclaxe (toneladas recicladas/toneladas xestionadas) é de 3,32 toneladas de cada 100 tm que recibe, un dos índices máis baixos de Europa e en niveis similares a 2013 e 2014. “Pensamos que hai que reabrir esta denuncia porque é inadmisible que baixe o volume de reciclaxe en lugar de aumentalo”, sinala Ana Miranda ao respecto, quen lembra que os obxectivos mínimos de reciclaxe que fixa a UE para 2020 é do 50%.

Por outro lado o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza, aprobado en 2011 e cofinanciado pola Comisión Europea con 72 millóns de euros, tampouco cumpre os requisitos de eficiencia enerxética, xa que SOGAMA non acada a eficiencia enerxética mínima do 0,6% que marca a UE para que a súa incineración poida ser considerada valorización enerxética.

A capacidade incineradora de SOGAMA queda en entredito posto que non é suficiente para desfacerse das máis de 800.000 tm de lixo que chegan anualmente e que boa parte van ao vertedoiro con ou sen tratamento. Ademais de ser esta unha das razóns para promover vertedoiros en B, non se pode esquecer que moitos dos residuos sen tratar son perigosos e incumpren os límites máximos de contaminantes fixados por la normativa galega, o Estado Membro e normativa europea.

Neste sentido, a eurodeputada denuncia que SOGAMA queima o lixo e enterra os residuos, transformándoos en gases de efecto invernadoiro, polo que se converte nunha das “máximas fábricas de cambio climático de Galiza”. O modelo Sogama incumpre asemade o principio de proximidade, debido aos quilómetros que viaxa o lixo até o norte de Galiza.

“É impresentable a actitude do PP. Prefiren tapar as miserias do goberno galego con Sogama que defender os argumentos Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe”, concluíu a eurodeputada do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG