Adán logra que as vítimas de violencia machista teñan acceso permanente ao salario da liberdade

O BNG conseguiu o apoio da Cámara para sacar adiante unha lei que permite ás vítimas de terrorismo machista acceder ao chamado salario da liberdade ao longo de todo o ano, mudando a situación actual, na que a liña de axudas para as mulleres que sofrían violencia de xénero estaba limitada a unha convocatoria con un período de tempo pechado.

Carme Adán, no Pleno do Parlamento

Ademais desta medida, -que supón unha modificación da Lei 11/2007 de Prevención e tratamento integral de violencia de xénero-, o texto aprobado polo Parlamento galego implica tamén o recoñecemento como violencia machista ás mulleres e as nenas vítimas de trata, o que lles permitirá acceder a todas as axudas e beneficios legais previstos para os casos de terrorismo machista.

Carme Adán valorou o “paso adiante” que supón esta normativa “porque vai permitir algo tan básico como que unha muller vítima da violencia machista poda solicitar a axuda económica en calquera momento, porque o terrorismo de xénero non entende de meses do ano”. Igualmente, tamén valorou o avance que implica considerar como vítimas de xénero as mulleres e nenas que sexan obxecto de trata de persoas.

“Para min, só que unha muller poda acceder a un salario da liberdade cando antes non podía pedilo e iso lle permita abandonar ao seu maltratador para min é un avance”, subliñou Adán, que concluíu o debate lamentando que “nun tema como este haxa forzas que poñan as sigla por riba dos intereses xerais”, - en relación ao PSOE-, ao tempo que fixo un sentido recoñecemento a todas as mulleres, “incluídas as nosas avoas e as nosas nais”, que antes que nós loitaron pola igualdade real da mulleres.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG