Adán: “ Os datos de violencia de xénero do 2015 son demoledores"

Carme Adán

A deputada do BNG, Carme Adán afirmou que o informe do ano 2015 sobre os datos de violencia de xénero só poden producir “desolación” e máis forza para loitar “contra a violencia machista”

Carme Adán escoita á secretaria xeral de Igualdade

Trala comparecencia da secretaria xeral de Igualdade, Susana Abella para informar da situación da violencia de xénero en Galiza durante o ano 2015, a parlamentaria do BNG, Carme Adán compartiu coa titular de Igualdade o sentimento de “desolación” pero tamén a reacción para seguir loitando con “máis forza” contra a violencia machista.

Para a deputada nacionalista, o informe merece “unha critica, propostas e unha reflexión”. Neste sentido, explicou que a crítica vai dirixida a continua presentación dos informes anuais, dende o ano 2008, coa mesma estrutura pero “sen conclusións” a pesar que dende o ano 1999 ata hoxe, podemos dicir que podemos falar dun número de denuncias semellante á poboación dunha vila media de Galiza. Ante a magnitude da violencia estrutural que viven as mulleres, preguntou á titular de Igualdade que valoración lle merece esta situación.

Repensar o Decreto dos Centros de Información ás Mulleres (CIM)

Cando é creada a Lei Integral no 2004 e no 2007 a Lei galega contra a violencia de xénero considerabamos que o cerne do problema radicaba na “prevención e na recuperación”. A respecto da recuperación, a nacionalista defendeu manter reunións co persoal que traballa habitualmente en violencia de xénero e repensar o Decreto dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) porque, na súa opinión, é un decreto “escaso” que non chega aqueles núcleos de poboación sen posibilidade de contar cun CIM. Adán propuxo “unha actuación máis comarcalizada e con profesionais que podan desprazarse”. Ademais insistiu en que é necesario que os CIM atendan ás persoas LGBTI, a miúdo vítimas de homofobia.

A secretaria xeral informa dos datos sobre violencia de xénero no ano 2015

A atención psicolóxica a vítimas de violencia machista, unha materia pendente

A deputada lembrou que a Lei recolle a atención psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero sen embargo, na actualidade só poden ser atendidas nos Centros de saúde, “unha materia pendente” que debe ser abordada sen dilación. Por outra parte tamén se referiu ás axudas das que dixo, son 339 ás que reciben o salario da liberdade, “unha cifra moi reducida, se a comparamos co número de denuncias”. Adán reclamou que a solicitude de axudas se prolongue “durante todo o ano”.

Igualdade real para loitar contra a violencia de xénero

Carme Adán

 A deputada preguntou cales son as conclusións despois de 9 informes e dez anos da aplicación da lei e asegurou que os datos “son desoladores” polo que pediu facer unha reflexión ao non conseguir os obxectivos do desenvolvemento da lei. “Fíxose un camiño pero partimos dunha premisa errada” ao partir só de indicadores de mulleres asasinadas. A cuestión vai máis alá , “é estrutural” e está na raíz da construción de homes e mulleres polo que debemos abordar a violencia de xénero dende “a desigualdade” porque foi acrecentada coa crise económica, a fenda salarial, a precariedade das mulleres e moitos estereotipos a respecto do coidado, “non se avanzou nada en conciliación”.

Os datos da xuventude, dixo, “son aterradores”, o 25% das mozas entre 16 e 19 anos consideran “normal” que a súa parella controle as súas relacións e un de cada tres mozos entre 12 e 24 anos considera que as vítimas provocan as agresións machistas. Sen “igualdade real” a violencia contra as mulleres seguirá producíndose.

A deputada concluíu a súa intervención criticando que a “igualdade” sexa un “remendo” nas administracións públicas e non “un eixo transversal e transformador das políticas públicas”. Así, dixo, é imposible avanzar.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG