9 voces da Galiza real ante unha Quintana afervoada

Lucía Vecino
Lucía Vecino
9 voces da Galiza real ante unha Quintana afervoada

Son os que nunca teñen voz nos telexornais da TVG. Aqueles que non existen nos discursos da Galiza virtual do presidente da Xunta. Como dixo Iria Aboi na súa presentación, son os que nunca especularon nin coa burbulla imobiliaria nin agora coa burbulla da débeda pública.

9 galegos e galegas que tomaron a palabra, convidados polo BNG, ante unha Quintana afervoada, chea de paixón por Galiza.

Estes son os seus testemuños, 9 historias da Galiza real, a que sofre as consecuencias dunha crise que ela non xerou, pero a que está tamén disposta a batallar na defensa dos seus dereitos.

Isabel, traballadora de Mafeco, unha empresa da Coruña afectada cun ERE.

"Galiza encabeza o ránking estatal de ERES. En 2011 o número de traballadores e traballadoras afectados por un ERE ascendeu a 22.829 persoas. Eu son unha delas.

As traballadoras e os traballadores deste País sofremos dúas reformas laborais sucesivas que primeiro Zapatero e agora Rajoy nos presentaron como solución ao desemprego. Era mentira! Non só non criaron emprego, senón que destruíron miles de postos de traballo.

Aos que hai que mandar ao paro é a eles, amigas e amigos! En Bloque Podemos!"

César, pequeno comerciante

Ao PP os autónomos, os pequenos comerciantes, non lles importamos en absoluto. O PP traballa para as grandes empresas, para as grandes superficies. Acaban de subirnos os impostos, acaban de liberalizar os horarios, van permitir que EL CORTE INGLÉS e Inditex fagan rebaixas cando lle pete.

Somos máis que eles. Exerzamos a nosa forza para cambiar as cousas. Ánimo!

Manuela Catoira, mestra, presidenta da Xunta de Persoal Docente de Coruña

Desde o goberno Aznar, os empregados e as empregadas públicas perdimos un 26 por cento do noso poder adquisitivo. Cando nos atacan están a atacar o dereito á sanidade, o dereito á educación, o dereito a ter uns servizos públicos de calidade.

 

Pelexamos polos nosos dereitos, e con elo pola defensa do sector público ao servizo da maioría. Así continuaremos. Forza!

Luciano, afectado polas preferentes e membro da plataforma de afectados/as do Morrazo.

Fomos vítimas dunha monumental estafa. Somos 100.000 galegos e galegas. Unha estafa que é froito do enorme poder que ten o gran capital e da falta de control público sobre o sistema financeiro. Agora vemos como con cartos públicos se pretende rescatar a banca privada. Pero dísenos que os das preferentes temos que aceitar unha quita. Que temos que renunciar a parte dos aforros que nos roubaron!

Non somos inversores que somos aforradores e a quita hai que facerlla a eles e quitalos do medio. Moitas grazas ao BNG por ternos apoiado!

Elvira Lombao, presidenta da federación de ANPAS de Lugo e membro da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público.

Recortar o ensino é recortar as posibilidades de termos unha sociedade máis culta, máis igualitaria. É virar as costas a outra economía, baseada no coñecimento e non na especulación.

En Galiza recortar o ensino é sempre recortar a lingua galega. E nós Queremos Galego! O PP quer a privatización do ensino, poñelo nas mans dos seus amigos e da Igrexa. Pero bateron coa resistencia da sociedade. Avante coa loita a prol dun ensino galego, público e de calidade!

Carme Aira, responsabel de CIG saúde e membro da Plataforma SOS Lugo

Coa sanidade o PP quer facer o mesmo que co ensino: un negocio privado. Queren unha sanidade de primeira para ricos e unha sanidade de segunda, unha beneficiencia, para o resto da sociedade.

Esa política non só é antisocial: é unha política xenocida. En Portugal, co rescate, o índice de mortalidade disparouse un 20 por cento. Cando falamos de sanidade falamos de cousas tan serias como esa.

Defendamos a sanidade pública porque a alternativa lévanos á barbarie! Adiante.

Pilar Bispo, labrega convencida da viabilidade do noso agro

Desde que goberna o PP, fecharon 2.500 explotacións leiteiras no noso país. Agora o prezo do leite galego está 5 pontos por debaixo da medida estatal.

O Medio Rural é a alma de Galiza. Sen un Medio Rural vivo non é posíbel fixar poboación no campo nin garantir a conservación do noso medio ambiente. E por iso os que traballamos no rural nos estamos a deixar a pel en defendela!

Miguel Fernández, membro da Plataforma en defensa dos Servizos Sociais.

Coa escusa da crise o PP quer desmantelar a Lei de Dependencia. Ao mesmo tempo recorta nos servizos socias e chega ao extremo de deixar sen aistencia sanitaria aos inmigrantes en situación irregular.

O seu obxectivo é que camiñemos hacia a miseria e renunciemos a dereitos conquistados con esforzo e loita.Uns servizos sociais de calidade son a base dunha sociedade moderna e igualitaria.

Benestar para [email protected] @s [email protected] con independencia de cal sexa a súa renda esa é a nosa loita!

Lucía Vecino, estudante da USC

As políticas do PP estanse a levar por diante a toda unha xeración de mozas e de mozos, a miña.

Deíxannos sen traballo, sen futuro. Máis do 50 por cento das persoas novas están no paro e os que estudan van ter que pagar matrículas prohibitivas. Queren expulsar da Universidade aos fillos e fillas das clases populares! Condénnanos á emigración como man de obra barata!

Non podemos resignarnos. E non o imos facer.

Conclúo e fágoo en nome de todas as persoas que me precederon. Moitas grazas ao BNG por ternos dado a oportunidade de falarmos aquí ante todos e todas vos. Moitas grazas a vós por escoitarnos. Como di o lema deste Día da Patria Galega, EN BLOQUE PODEMOS!

 

 

 

 

 

http://youtu.be/OSC32oOnml0