Vence reclama a Feijoo transparencia sobre os incendios e que asuma responsabilidades

Vence reclama a Feijoo transparencia sobre os incendios e que asuma responsabilidades

O portavoz nacional do BNG defende no Rosal unha política agraria e forestal integral e fondos de emerxencia para os afectados

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, demandou do presidente da Xunta unha “política de transparencia sobre a información e de asunción de responsabilidades” a respecto dos incendios que se están producindo en Galiza. “Necesitamos que a Xunta asuma as súas responsabilidades e diga a verdade, xa que minte no número de incendios e a superficie afectada”, asegurou.

Xavier Vence referiuse concretamente ao caso do incendio de Oia e O Rosal, que visitou esta mañá xunto a deputada Carme Adán. Ao respecto sinala que mentres a Xunta di que arderon 1.200 hectáreas, “os que están no terreo falan de 1.200 en Oia e 1.200 no Rosal, ou sexa, o dobre do que sinala a Xunta”, destacou.

“Feijóo cre que pode ocultar o problema coa ocultación da información, pero o problema está no país”, denunciou o portavoz nacional do Bloque. Precisamente, para Vence os incendios destes días en Galiza “son o resultado de confiar en exceso no azar, na falla de política forestal agraria por parte da Xunta”.

Para o responsable nacionalista, as altas temperaturas e o vento non fan máis que poñer de manifesto un “problema latente, como é que non se fai unha política agraria e forestal que coide o monte e o manteña limpo”.

Desprofesionalización e descoordinación

Na súa visita a O Rosal, Xavier Vence criticou que a Xunta vén desmantelando o sistema centralizado de loita contraincendios que se comezara a montar desde o 2006. Neste sentido destacou que os propios traballadores denuncia a falta de medios, a desprofesionalización das brigadas e a absoluta descoordinación das mesmas.

“A estratexia de Feijóo de desfacerse do sistema de prevención no inverno ten graves consecuencias, como estamos vendo estes días”, engadiu o portavoz nacional do BNG, quen asegurou que ese desmantelamento dos servizos ten un grave custo para o país. Ao seu xuízo, a Feijóo hai que preguntarlle se o recorte no gasto público non lle saíra máis caro ao país e se en lugar de aforrar “non estaremos queimando patrimonio?”.

“Subcontratar servizos a empresas privadas sae máis barato ou máis caro que manter o servizo baixo xestión pública? Moito nos tememos que o custe para as contas públicas será superior”, manifestou Vence.

Política forestal integrada

Xavier Vence analizou como no caso do Rosal nunha comunidade de montes perfectamente ordeada resultas arrasadas 800ha. polo lume. “Foron arrasadas porque a contorna non estaba limpa”, sinalou.

Para o portavoz nacional, este feito “demostra que se non hai unha política integral, para aqueles que fan o esforzo e o investimento vaise ao traste por culpa dos demais”. Considerou que “non é posible ter illas coidadas e arredor unha mar de monte asilvestrado”.

A respecto das casas afectadas, Vence salientou que cómpre manter limpos de vexetacións os perímetros das casas e dos lugares “co obxectivo de evitar males maiores”. “É lamentable que Feijóo renunciara a manter ese perímetro establecido polo bipartito”, dixo neste sentido.

“Feijóo nin fixo prevención, nin inviste en extinción e desmantela o servizo organizado a partir de 2006. Deste xeito volvemos á politica Fraga, que se demostrou como desastrosa”, criticou Vence.

Pola contra, para o portavoz nacionalista cómpre pensar medidas de longo alcance e solucionar os problemas que xurden co abandono de explotacións agrarias e o falta de limpeza do monte. “Isto implica necesariamente unha nova estratexia de política agraria e forestal e unha nova fiscalidade sobre o monte”, destacou.

Fondos de emerxencia

Xavier Vence reclamou que se habiliten os fondos de emerxencia para que as persoas afectadas poidan levar a cabo as medidas de reparación “e evitar máis estragos cando veñan as chuvias”, indicou.