O traballo do BNG nas institucións, crucial para defender Galiza no país, en Madrid e Bruxelas

Reunión interparlamentar BNG

Reunión interparlamentar BNG

Reunión interparlamentar BNG

O BNG pon en valor a súa presenza nas institucións que considera “crucial” para que os problemas e os intereses do país estén presentes e Galiza conte, grazas o traballo no Parlamento galego, Congreso e Eurocámara. Anuncia unha estratexia coordinada na que priorizá a defensa dos sectores produtivos, dos servizos públicos e da maioría social.

“Nun contexto neoliberal con políticas moi agresivas, coa recentralización e coa Xunta aceptando un papel secundario das suas funcións, a representación do BNG está sendo crucial para visibilizar os problemas e as reivindicacións do país en Madrid, Bruxelas e en Galiza”, salienta o portavoz nacional, Xavier Vence, “a garantía de que cando está nas institucións os intereses do páis están ben representados”.

Unha idea na que insistiu o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen subliñou o labor de oposición “contundente pero con propostas e alternativas” que desenvolve o Bloque. Avanzou que seguirá a ser “a voz da maioría social agredida polas políticas do PP” e garantindo a presenza de Galiza nos grandes debates, “ante a ausencia do goberno de Feijóo”. E todo, enfatizou, “na lingua do país” que sofre o “linguicidio” que practica a Xunta.

O BNG contrapuxo “este estilo de traballo” na defensa do país nas institucións coa “ausencia” de Feijóo, de visita en Bruxelas para “tapar a súa inacción” en asuntos clave como a viabilidade do sector do xeito, e obrigado a dar explicacións sobre o cuestionable uso dos fondos europeos.

“Agora que o xeito está en vias de solución grazas ao propio sector da man do BNG ante a UE, Feijóo vai tentar colgarse medallas, explicar o uso irregular dos fondos europeos por Baltar desde a Deputación de Ourense ou a pendente depuración integral das rías galegas”, denunciou o dirixente nacionalista.

Vence enumerou as “apostas” clave do Bloque nas institucións parlamentares. A defensa dos sectores produtivos, -pesca, conserva e agricultura-, “machacados” por Madrid e Bruxelas con cotas, multas e prohibicións, sector naval, máxime tras o levantamento do veto. A reforma do mercado eléctrico, co obxectivo de acadar unha tarifa eléctrica galega, a defensa do aforro galego para financiar empresas e familias e a reforma do actual modelo de financiamento autonómico.

Entre esas prioridades “estratéxicas”, a defensa dos servizos públicos de calidade sometidos a unha privatización implacable por parte do PP, que no caso da sanidade ten como última ameaza a “campaña de xubilacións anticipadas de persoal sanitario”, e no caso da educación a derradeira reforma do Goberno central, “a puntilla” para a universidade pública.

A portavoz no Congreso, Olaia Fernández Davila, quixo destacar a capacidade do Bloque para suavizar o impacto da política de recortes do PP. “Tiveron que medirse” á hora de sacar adiante algunhas das propostas máis agresivas con dereitos da cidadanía, e puxo como exemplo o decreto lei que consagraba “a desfeita total” da sanidade pública e avanzou que as iniciativas no Congreso incidiran en defender que Galiza poda “ter capacidade sobre os seus propios recursos” como no caso enerxético.

No ámbito da UE, a portavoz do Bloque na Eurocámara, Ana Miranda, ironizou sobre a perspectiva dun Feijóo de visita en Bruxelas “a facerse a foto e a explicar por que perdemos 2.500 millóns de euros de fondos europeos” e xa avanzou que defenderá que o Fondo de Iniciativa Xuvenil aporte recursos a Galiza para frear “a sangría da emigración”.

Escenario electoral

Preguntado polos medios, Vence salientou a disposición do Bloque a “sumar” para “derrotar” ao PP e as súas políticas neoliberais de recortes agresivos unha vez que os galegos e galegas se expresen na urnas nos diferentes procesos electorais pendentes aos que concorre coa vontade “de ser o referente” para toda a cidadanía “rebelde” que quere desaloxar a dereita cun proxecto nacionalista de esquerdas. “Sumar para derrotar á dereita para impedir que a dereita derrote á sociedade”, sintetizou Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG