Davila: " O goberno de Rajoy ofrécenos para 2013 máis paro e peores condicións de vida"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou que os efectos do Goberno de Rajoy “os podemos ver nos máis de 6 millóns de parados, e no preocupante aumento dos índices de probeza das familias no Estado español. É un Executivo totalmente prexudicial para a calidade de vida da xente”.

Cualificou ao Goberno do PP “de nulo, ineficaz e incapaz de atallar as dramáticas cifras do paro. Non fixo nada para reducir o número de parados, ao contrario, as súas medidas só serviron para aumentar de maneira alarmante o número de persoas desempregadas que parece non ter fin á vista das lamentábeis perspectivas para o ano 2013. É unha máquina de crear paro. O Goberno do tasazo”, en alusión ás abusivas taxas no ámbito xudicial.

“Un Goberno desacreditado porque enganou e mentiu”·

Davila enfatizou que “o Goberno de Rajoy é totalmente tóxico para a vida da cidadanía e nos está a levar a tempos pasados, tanto no sistema económico, de traballo como social. Só nos ofrece para o ano 2013 máis paro, peores condicións de vida e ningunha esperanza de saír do burato nos que nos está a levar”. Foi un ano de goberno “sostido na mintira e na falsedade, incumprindo as súas promesas estrelas: subiu o IVE e o IRPF, rebaixou os salarios dos empregados públicos, e reduciu os ingresos dos pensionistas”.

A deputada nacionalista puxo de manifesto que o Goberno do PP “está totalmente desacreditado porque enganou e mentiu”. Alertou do “que queda por vir porque van a polas pensións”, en referencia á pretensión do PP de endurecer as prexubilacións e meter mán ás pensións. E censurou “o arrase de Novacaixagalicia de NCG banco. Un banco nacionalizado, en máns do FROB, e para que? Pois para eliminar a obra social de Novacaixagalicia, despedir a miles de traballadores, pechar oficinas e eliminar a súa adscripción territorial a Galiza”.

Un pesadelo do que é preciso despertar

Olaia Fernández Davila fixo repaso dalgunhas das medidas adoptadas polo PP como a “dura reforma laboral que só sirve para tramitar ERE´s á velocidade de cruceiro. Introduciu o copago farmacéutico e restriccións no acceso universal á sanidade. O Goberno de Rajoy aniquilou a Lei de Dependencia e recortou servizos sociais cando medrou nun 40% os usuarios destes servizos, aumentou de maneira importante o IVE castigando así o consumo e tamén a moitas pequenas e medianas empresas que están a pechar”.

“O Goberno de Rajoy golpeou a educación pública reducindo as bolsas ao estudantado, reducindo profesorado. Rebaixou os salarios dos empregados públicos e incluso incumpriu a súa promesa estrela de non revalorizar as pensións”, enfatizou a deputada do BNG. Para Davila “este Goberno é un pesadelo do que é preciso despertar, debemos unirnos e lograr que retroceda na auténtica escabechina que está a facer”.

É un goberno tóxico para a vida da xente, que o único que nos trae é máis paro e peores condicións de vida

A deputada do BNG reprochou a Rajoy un “xeito de gobernar impropia dunha democracia, unha maneira de gobernar a golpe de Real Decreto Lei. Adoptando decisións moi prexudiciais para os traballadores e as traballadoras, co abaratamento dos despedimentos, rebaixas salariais e facilidades para restaurar un mercado de traballo característico da era industrial do século XIX. Nada do que presumir aínda que Rajoy enarbole a reforma laboral que está a ser unha máquina de expulsión de traballadores”.

“Os sacrificios todos para a cidadanía”

A portavoz do BNG afirmou que “todas as decisións adoptadas polo PP só conseguiron aumentar o paro, empiorar a economía, incrementar os índices de probeza, e incrementar o custe da vida ao mesmo tempo que reduce significativamente os ingresos económicos da xente. Sen esquecer a manía que lle entreou por rematar con todo o que é público”. E puxo o énfase nas previsións para o ano 2013 que “son desalentadoras. Haberá máis desempregados, máis decretos lesivos e máis sacrificios para a cidadanía”.

A parlamentar do BNG fixo un chamamento “á reflexión ao Goberno para que se faga un propósito de ano novo: reducir as cifras do paro e empezar a gobernar doutra maneira, adoptando medidas para mellorar a vida da xente en lugar de empiorala”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG