PARLAMENTO GALEGO

BNG exixe á Xunta a nulidade da adxudicación dunha praza de subdirector en AGADER, perfilada para un ex deputado do PP

María Albert
María Albert
María Albert reclama a repetición do proceso selectivo para un posto “preadxudicado” ao ex parlamentario Moisés Blanco Paradelo
BNG exixe á Xunta a nulidade da adxudicación dunha praza de subdirector en AGADER, perfilada para un ex deputado do PP

BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para exixir á Xunta que declare deserta a praza de subdirector para as relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural de AGADER adxudicada ao ex deputado do PP, Moisés Blanco Paradelo, e reinicie o proceso selectivo establecendo criterios que garantan a cualificación técnica da persoa seleccionada, así como as condicións de igualdade, mérito e capacidade para o acceso ao posto. 

Así o reclama a formación nacionalista da man da súa portavoz de Montes, María Albert, logo do proceso selectivo iniciado na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural curiosamente o 23 de decembro e rematado este pasado 12 de febreiro coa resolución na que se publican as puntuacións finais e se designa a Moisés Blanco como o candidato seleccionado para a cobertura do posto.

O BNG denuncia que na relación de requisitos e baremación dos mesmos non só non se exixe a habitual bagaxe de méritos profesionais e unha relación laboral e formativa acreditada en relación ao posto convocado, senón que mesmo se valoran titulacións diferentes ás requiridas na convocatoria; asistencia a cursos sen esixir que estean nin homologados nin vinculados ao sector; e, no apartado de experiencia, incorpórase a valoración a “docencia”, rechamante, tendo en conta que o ex parlamentario é mestre de Música.

Ademais de desaparecer o requisito de coñecemento da lingua galega, que semella tería que ser preceptivo a un cargo destas características, tamén resulta curioso o feito de que se reclamara un informe (favorábel) á Dirección xeral de Función Pública para que o posto puidese ser cuberto por unha persoa que non tivese a condición de funcionara pública, pese que a priori non semella xustificado o carácter de excepcionalidade desta circunstancia para este posto.

Segundo recrimina Albert, “todas estas cuestións e moitas outras facían prever que se trataba dun posto que estaba preadxudicado para colocar a unha persoa en concreto e agora, vendo a resolución, por desgraza non con asombro, confírmase que era un posto con nome e apelidos desde o mesmo momento da convocatoria da vacante”. A deputada nacionalista reprocha que “unha persoa que non pode acreditar ningunha experiencia na xestión de gasto público, nin en tramitación administrativa, nin no ámbito do desenvolvemento rural, pero si un coñecido currículo político, vai ocupar un cargo de vital importancia dentro dunha axencia que ten que aspirar a moito máis que a ser un chiringuito para a colocación de amigos”.

Neste sentido recalca que a praza, aínda que de confianza, debe ser ocupada “a todas luces” por unha persoa con amplo coñecemento do sector e de acreditada solvencia e experiencia no mesmo, máis se cabe o papel protagonista que vai ter AGADER unha vez se aprobe a Lei de Recuperación de Terras Agrarias que a lle confire á Axencia un importante incremento de funcións e responsabilidades. Por todo isto, conclúe que é preciso anular o proceso selectivo e reinicialo con todas as garantías na súa convocatoria de cualificación técnica e, por suposto, de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á praza.

 

BNG exixe á Xunta a nulidade da adxudicación dunha praza de subdirector en AGADER, perfilada para un ex deputado do PP