O BNG esixe a comparecencia de Feijóo e a reformulación do dispositivo contraincendios

  • Unha delegación do BNG visitou a “zona cero” dos incendios na comarca ourensá de Monterrei na que comprobou a falta de medios de extinción e o esquecemento da prevención

 “Cómpre que o presidente da Xunta compareza no Parlamento e explique como vai reformular o dispositivo contraincendios”, subliñou a deputada do BNG, Tereixa Paz, tras o percorrido que realizou, xunto ao resto da delegación do BNG, pola zona máis afectada polos incendios na comarca ourensá de Monterrei.

A delegación do Bloque, integrada tamén pola responsable de Política Municipal da formación, Goretti Sanmartin, e a concelleira do Bloque en Cualedro, Mari Carme Enríquez, puido comprobar neste concello os problemas do dispositivo contraincendios que executa a Xunta. Segundo Tereixa Paz, a falta de medios e que non haxa un dispositivo unificado “dificulta enormemente as tarefas de extinción”.

“A insuficiencia de medios provoca que sexan os veciños e as veciñas os que teñen que loitar contra os incendios para que estes non afecten as súas casas”, denunciou a deputada do Bloque. A mostra de que este non é un problema illado que acontece nunha zona concreta é o feito de que igualmente, nesta noite pasada en Oia tivo que ser a propia veciñanza a que loitou para evitar que o lume chegase as súas vivendas.

Inoperatividade do goberno galego

“Que os problemas vividas en Cualedro se repitan en Oia, e así en todas as comarcas do país é un exemplo claro da inoperatividade do goberno galego”, destaca Tereixa Paz. Ao seu xuízo esta falta de medios debería levar a Feijóo “a revisar a súa política contra os incendios xa”.

A deputada do BNG lembrou que xa a semana pasada alertara da posibilidade de que aumentara o risco de incendios ao entrar unha ola de calor acompañada de intensos ventos. “Por desgracia, o acontecido nas últimas horas dános a razón ás nosas críticas”, lamentou Paz.

“É unha vergonza que Feijóo viñera onte, cando xa pasara o perigo e o único que se lle ocorreu foi solicitar a axuda dos veciños. Non sabemos se tamén veu a repartir mangueiras”, criticou ironicamente Tereixa Paz lembrado a imaxe do actual presidente da Xunta en 2006.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG