Pensar Galiza

Ana Pontón destaca o compromiso feminista do BNG “que recolle o clamor social do 8M”

Encontro feminista
Encontro feminista

Comprométese a que as escolas infantís sexan gratuítas para o 100% da poboación coa incorporación dese tramo no sistema público educativo

Fai un chamado ás mulleres para que sexan o motor do cambio político este 5 de abril


 

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, participou na segunda mesa do programa "Pensar Galiza" onde se comprometeu a facer da igualdade o centro da actuación política, a destinar o 1% dos Orzamentos da Xunta a recursos contra a violencia de xénero, a incluír o ensino infantil no sistema público educativo gratuíto e a crear unha nova Lei de Igualdade.

Esta xornada estivo coordinada pola filósofa, escritora e feminista Carme Adán e contou con representantes dos ámbitos da igualdade, do feminismo e da diversidade sexual. No encontro participaron tamén Olalla Rodil, coordinadora da iniciativa "Pensar Galiza", e Goretti Sanmartín, portavoz do BNG no Concello de Santiago.

O cambio que se ten que producir a partir do 5 de abril ten que ser en clave feminista para situar “a demanda das mulleres de igualdade nun primeiro plano e ese é o compromiso que adquirimos como BNG e que adquiro como candidata á Presidencia da Xunta: ser a presidenta da igualdade, a presidenta das mulleres e a presidenta que faga que ese clamor do 8M se traslade á acción de Goberno cun halo de esperanza de que as cousas se poden facer de maneira distinta”, afirmou Ana Pontón en declaracións aos medios de comunicación.

“Feijóo traballou contra os dereitos das mulleres”

O Goberno de Feijóo nestes 10 anos demostrou que estivo comprometido coas políticas “máis carcas e reaccionarias”, afirmou, “Feijóo foi un presidente carca e reaccionario que traballou contra os dereitos das mulleres”. Sinalou tamén que o seu programa se parece moito ao que aplica a extrema dereita, pois Feijóo foi o presidente que recortou as axudas ás mulleres vítimas da violencia machista, servizos de información ás mulleres, que recuperou o financiamento das escolas que segregan nenos e nenas por razón de xénero e incumpriu todas e cada unha das leis de igualdade que se puxeran en marcha na etapa en que gobernou o BNG en coalición co PSOE na Xunta.

Encontro feminista“Este 5 de abril temos unha grande oportunidade”, destacou, “queremos facer un chamamento a que sexan as mulleres o motor dese cambio que signifique apostar pola igualdade e polas mulleres”. “A garantía de que iso se faga é o BNG” porque ten unha candidata á Presidencia da Xunta e un compromiso feminista para desenvolver políticas a favor da igualdade que recolle o clamor social que se ve nas rúas cada 8M, segundo manifestou Pontón.

Máis recursos para a igualdade

Entre as medidas que adiantou, está facer das políticas de igualdade o centro da actuación do BNG, situar nun primeiro plano a loita contra a violencia machista e, nese sentido, destacou que se necesitan máis recursos polo que se comprometeu a destinar como mínimo o 1% das Orzamentos da Xunta contra a violencia de xénero.

Para o BNG son fundamentais tamén os recursos para a conciliación e corresponsabilidade. Aludiu á necesidade dunha rede pública “potente” que atenda estas necesidades e non chega que as escolas infantís sexan gratuítas para o segundo fillo; “o noso compromiso é que sexan gratuítas para o 100% da poboación coa incorporación dese tramo no sistema educativo”.

Incorporará tamén no programa unha nova Lei de Igualdade que blinde dereitos para as mulleres “e que signifique ter un Goberno da Xunta que responda ao reto que trasladan as mulleres cada 8M e cada día coas súas reivindicacións”.

Carme Adán: “O tempo de Feijóo foi ermo en políticas feministas”

Pola súa parte, Carme Adán, destacou que neste encontro participaron numerosos colectivos de mulleres para incorporar propostas para o programa electoral do BNG no ámbito do feminismo e da diversidade afectivo-sexual. “É certo que imposíbel imaxinar unha sociedade que non sexa feminista porque a forza das mulleres está aí”, sinalou. “Temos no BNG unha traxectoria importante de compromiso co feminismo, cos traballos das mulleres e cos dereitos do colectivo LGTBI”, engadiu.

“O 5 de abril ten que ser un 8 de marzo de realidade, de verdadeiro cambio no Goberno galego coas propostas feministas”, sinalou. “O tempo de Feijóo foi ermo en políticas feministas” porque desfixo o avanzado con anterioridade, non se crearon novos programas nin houbo un traballo para desenvolver a Lei de Violencia Machista que temos en Galiza, que é moi avanzada e mesmo no Estado recollen propostas que xa están nesa norma, explicou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG