Opinión

Un faro para Galiza

Domingos Merino. Foto Sermos Galiza
Domingos Merino. Foto Sermos Galiza

É algo máis que un retrato. Pódese ver sen problemas. Está uns poucos metros da porta principal de acceso ao Salón de Plenos do Concello da Coruña. É o retrato dun traballador que vivía na rúa Marconi do barrio obreiro de Monte Alto. Un nacionalista galego de esquerdas e republicano. O primeiro Alcalde da cidade da Coruña elixido democraticamente, logo da ditadura franquista. Díxonos o seu autor, Alberto Karpo (outro de Monte Alto), que é o retrato atípico dun Alcalde atípico feito por un pintor atípico. E díxonos tamén que non é un retrato feito para agradar, senón para dicir a verdade. Case poderiamos dicir que os tres, máis que atípicos, son realmente alternativos.

E desde logo, Domingos Merino foi un Alcalde alternativo, mesmo no xogo das formas democráticas. No seu primeiro discurso proclamou que non ía ser o tipo de Alcalde que todas e todos coñecían, pois, dentro dos límites que a lei de entón permitía, dixo que quería ser un membro máis da corporación e que non faría uso das facultades antidemocráticas que a lei de entón lle daba. E cumpriu coa súa palabra: non houbo pleno en que non se falase de todo aquilo que preocupase aos membros daquela corporación municipal. Os plenos eran en moitas ocasións polas tardes para que estivesen presentes o pobo coruñés e o medios de comunicación. Pódese comprobar coa lectura das actas das sesións plenarias: debates sobre o Estatuto de Autonomía para Galiza, sobre os problemas do paro na cidade e na comarca, sobre as centrais nucleares na Galiza, sobre a defensa do sector pesqueiro galego, sobre a despenalización do aborto, sobre sancións impostas a docentes que impartían aulas en galego ou sobre sancións impostas a artistas galegos (como Suso Vaamonde).

Falábase de todo, aínda que as regras do procedemento dos debates non o permitisen. Como Alcalde, cumpriu cando afirmaba que viña coa firme vontade de democratizar a vida municipal e que había que garantir a participación da veciñanza na política municipal. Como Alcalde, permitía que os rogos orais dun grupo fosen comentados polos outros grupos. Como Alcalde, tiña por costume someter a debate e votación a retirada dun punto da orde do día. Mesmo permitiu o debate e votación dunha moción de censura contra a súa persoa, malia non ter encaixe este tipo de mocións na lexislación daquela época. E isto foi o que pasou cando o quixeron censurar pola súa ideoloxía nacionalista e por ser militante dunha organización asinante da declaración sobre a constitución da Mesa de Forzas Políticas Galegas, que -segundo o grupo censor- ía contra a Constitución española por defender que Galiza era unha nación, razón pola que -sempre segundo entendía o grupo censor- «La Coruña no puede tener como alcalde a un militante de un partido político que propicia el separatismo».

Coa lectura das actas, tamén se pode ver como se adoptaban medidas importantes para a vida da cidade e da súa veciñanza. Alén de ter que sanear a xestión económica do Concello e adoptar medidas moi importantes en temas urbanísticos, o Goberno presidido por Domingos Merino foi o do uso do galego. Foi o dos acordos para a ampliación do Estado de Riazor, que foi o que permitiu a celebración na Coruña do Mundial 82. Foi o dos acordos para a remodelación e acondicionamento do andar baixo do Kiosko Alfonso e da redacción do proxecto e programación do teatro municipal, con participación directa do sector implicado. Foi o da denegación das subas de tarifas da Compañía de Tranvías. Foi o dos criterios para a promoción cultural en xeral e galega particularmente, con cesión gratuítas de instalacións. Foi o do acordo para potenciar o aeroporto de Alvedro en clave de país, afirmándose a necesidade de garantir o seu rendemento, sen entrar en confrontación localista con outras cidades irmás, entendendo que a potenciación do noso aeroporto era beneficioso tanto para A Coruña como para o resto de nación galega, dado que Alvedro era compatíbel con outros aeroportos galegos, achegando un complemento importante ás necesidades que tiña Galiza en materia de transporte. Foi o das primeiras actuacións para mellorar a vida nos barrios, especialmente os rurais. Foi o dos primeiros acordos para un colexio universitario da Coruña e a súa construción e dos estudos e xestións para determinar a posibilidade de contarmos cun campus universitario na Zapateira. Foi o dos primeiros estudos para dar conta da situación deficitaria da sanidade na nosa cidade e na súa comarca. Foi o dos primeiros acordos sobre a necesidade de contarmos cun rueiro galego en consonancia coa toponimia e microtoponimia galega.

Para chamalo separatista, hai que recoñecer que, como Alcalde dun goberno de cores moi diferentes, como as que se recollen no arco da vella do seu retrato, fixo moitas cousas pola Coruña como cidade galega (un faro para Galiza) no pouco tempo que o deixaron gobernar. Mentres se discutía sobre a capitalidade de Galiza en clave puramente localista e electoralista, Domingos Merino se preocupaba de mellorar os niveis de vida da Coruña e de proxectala internacionalmente como cidade galega. E sempre o fixo coa sinceridade e honestidade da súa condición de nacionalista. Coa coherencia de defender o mesmo en todas partes e non mudar de criterio en función de onde se estiver. 

As mesmas sinceridade, honestidade e coherencia que manifestou no Pleno Municipal realizado após o 23 F, na moción de condena da ocupación armada do Congreso dos Deputados. Como demócrata, votou a favor do rexeitamento desta ocupación militar. Como nacionalista galego republicano, abstívose naquel punto que pedía a adhesión ao Rei e á Constitución española. Nada diferente da postura dos partidos nacionalistas galegos no referendo da Constitución, pedindo algúns o voto en branco ou a abstención e outros pedindo o voto en contra, mais nunca o voto a favor. A día de hoxe, a postura do nacionalismo segue a ser a mesma respecto da Constitución española e tamén respecto da monarquía, a diferenza daqueles que antes idealizaban a transición e se declaraban juancarlistas, e que agora padecen do mal da desmemoria ou seguen a teimar na defensa dun réxime que está podre.

Si, desde o primeiro día da súa toma de posesión, os poderes fácticos daquel momento moveron ben as súas pezas. Os poderes fácticos da Coruña -a caste española do capital, da igrexa e dos militares- consideraban que era un perigo para os seus intereses. Ninguén pode negar que Domingos Merino sufriu unha operación de acoso e derribo desde o comezo do seu mandato. E o retrato atípico ou alternativo de Karpo recolle ben aquela época. Por iso é algo máis que un retrato. Cun fondo de arcadas dunha cidade mariñeira e dun arco da vella, símbolo da chamada que fixo no seu primeiro discurso como Alcalde ao pobo da Coruña para participar no Goberno municipal, temos a Domingos Merino diante dun taboleiro de xadrez. Hai un peón branco illado e rodeado dos poderes fácticos simbolizados nas pezas do cabalo, da torre e do alfil. Semella que aquel peón branco non ten nada que facer, que a partida está rematada. Mais non é así. O peón branco aínda ten un último movemento para non ser comido, forzar as táboas e permitir outra partida. E ese peón branco é Domingos Merino. Coa súa mirada, semella dicirnos que hai que continuar, precisamente porque aínda hai moitas partidas que xogar para vencermos. Semella que nos mira desde o retrato para nos alertar que hai que seguir a traballar por Galiza desde a sinceridade, a honestidade e a coherencia. As mesmas que el tivo. 

Por iso, A Coruña ten que estar moi orgullosa do seu primeiro Alcalde democrático.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (01-02-2018)

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG