A hora de Cataluña, a hora dos pobos

A hora de Cataluña, a hora dos pobos

Está a piques de se aprobar a Lei do Referendo no Parlament de Catalunya [o debate esta-se realizar no momento en que o autor redixe este artigo]. Trabúcase quen analice ese feito como a causa do que está por vir e non como a consecuencia do vivido. O acontecido no Parlament, caricaturizado até a saciedade coma un “atraco democrático”, non é outra cousa que a expresión do pobo catalán ante a non asunción do carácter plurinacional do Estado español e a negativa a pactar unha vía democrática para a solución dun conflito que non é xurídico, senón político.

O Procés é parte da constatación de que o Estado español, como proxecto político pretendidamente uninacional, é un proxecto fallido, e que o modelo de estado das autonomías froito dunha transición fraudulenta dirixida polo establishment franquista coa supervisión dos militares e pactada entre a dereita e a esquerda española, fai augas por todas as partes. 

Non hai futuro para unha descentralización exclusivamente administrativa negadora do carácter plurinacional do estado, unha monarquía medieval, un estado confesional que privilexia a igrexa católica, un poder xudicial que funciona ao ditado do goberno e un uso partidario das forzas e corpos de seguranza do estado, un poder político intrinsecamente corrupto, un deseño económico á medida dos intereses da Troika e ao servizo da oligarquía española e o capital trasnacional, un modelo sociolaboral baseado na explotación, precarización e empobrecemento de grandes capas da sociedade, un modelo produtivo fundamentado en "ladrillo", turismo, saqueo da periferia e a destrución da súa capacidade produtiva e un modelo de relacións internacionais executado ao ditado dos EUA e a OTAN. 

Este modelo de estado non é parcheábel nin sostíbel no tempo. Non é reformábel, mais si superábel. Serao a través de procesos constituíntes nas nacións sen estado que o conforman porque a ruptura do denominado “rexime do 78” será nacionalista ou non será. 

Formalmente o Esado español é un estado democrático. Porén, para as persoas que entendemos que unha democracia é moito máis que poder votar cada catro anos, é evidente, que a española -de considerala tal-, é unha democracia de moi baixa intensidade. Baixo unha aparencia formalmente democrática o que atopamos é un estado fondamente autoritario e negador de dereitos básicos, a comezar polo dereito de autodeterminación dos pobos. O Estado español non está disposto a recoñecer o seu carácter plurinacional e actuar en consecuencia. Tampouco a permitir, como no caso do Canadá co Quebec, do Reino Unido con Escocia ou, o vindeiro ano, de Dinamarca coas Illas Feroe, referendos de autodeterminación pactados e vinculantes.

O Estado español ten unha curta (e mala) cultura democrática. É evidente. En situacións como a catalá, aínda o é máis. Non é propio dun estado moderno e democrático facer a máis burda das instrumentalizacións políticas da xustiza, o máis descarado uso dos medios de comunicación (públicos e privados), o emprego partidario da policía e o CNI contra o discrepante ou o uso da ameaza permanente para reprimir a vontade dun pobo que se quere expresar nas urnas: desde a aplicación da Lei de Seguridade nacional até a disolución da autonomía vía art.155 ou mesmo o uso das forzas armadas pasando pola suspensión do FLA, acusacións de sedición, ou inhabilitacións express e millonarias sancións económicas para as persoas promotoras. 

Porén, o que algúns interpretan como as “fortalezas” do estado son a súa maior debilidade. A verdadeira unidade é a da libre colaboración e cooperación entre iguais; o outro é imposición e dominación. A unidade baseada na forza e o medo sempre será unha unidade débil e condenada a desaparecer. Só será unha cuestión de tempo, porque ningún aparello coercitivo do mundo é capaz de manter unha situación de opresión de xeito permanente. 

SEN ESPAZO PARA A EQUIDISTANCIA

Nos momentos difíciles é cando realmente coñecemos as persoas. En escenarios onde as contradicións se agudizan é onde realmente coñecemos as organizacións políticas. Cando a ambigüidade calculada, o aparencial, a equidestancia, o curtopracismo xa non teñen cabida, caen moitas caretas. 

Gustaríame ver Pablo Iglesias e Alberto Garzón (e as súas sucursais) defendendo sen ambigüidades o dereito do pobo catalán, e do resto de nacións do estado, a decidir libremente o seu futuro. Mais, tras unha retórica rupturista o que hai é unha práctica continuista cun estado negador da súa realidade plurinacional. 

Ao máximo que chegarán, é a unha sucesión de propostas de supostas “terceiras vías” que ademais de extemporáneas, a historia ten demostrado que son vías mortas. Volverán prometer ese unicornio político que xa escoitaban os fundadores do Partido Galeguista hai un século: a “España federal”, agora transmutada en “nación de naciones”, “federalismo asimétrico” o “la diversidad en la unidad”. Conceptos que non din nada mais que significan moito: que para as forzas políticas españolas (todas) o único suxeito de soberanía é o “pobo español”. Baixo a retórica de “comisións de estudo da arquitectura territorial do estado”, “grupos confederais”, “reformas constitucionais”, “revisión do modelo de financiamento autonómico” agóchase unha vella estratexia: cambiar o que haxa que cambiar, para que nada do fundamental mude. Desgrazadamente, esa estratexia, total ou parcialmente, será compartida pola dereita e a esquerda española, comprobándose, máis unha vez, como a esquerda española vai moi xusta de esquerda e moi sobrada de española.

Os sucesivos gobernos españois trataron -sen éxito- reducir un conflito político a un conflito xurídico. Consideran a legalidade un contexto normativo inmutábel e estático, non sometido a interpretación nin subsceptíbel de entrar en contradición. Porén, o problema non é se é legal a pretensión de Cataluña -e do resto de nacións- de se constituír nun estado, senón se ten ou non dereito a facelo. 

Cando o único argumento para defender algo é que o di a lei, é o principio de que ese algo mude. Era legal que os negros norteamericanos non puidesen sentar diante do autobús como legal eran a escravitude, o apartheid, a colonización, que as mulleres non puidesen votar, impartir aulas en galego, obrigar a mocidade galega a cumprir co servizo militar obrigatorio no exército español, ou que a familia Franco continúe a desfrutar do Pazo de Meirás e de estatuas do Mestre Mateo… Todo era (e nalgúns casos é) perfecta e absolutamente legal polo que ir contra esa legalidade por definición era ilegal. Afortunadamente, Rosa Parks, Nelson Mandela, Gandhi, Emmeline Pankhurst, todos os nosos compañeiros insubmisos, profesorado comprometido e moitísimas activistas de toda condición estiveron dispostos a saltar unha legalidade inxusta por unha causa xusta (e tamén a sofrer as consecuencias de o faceren). Moito peor sería hoxe o mundo se o argumento de que algo non se pode/debe facer porque non é legal, se seguise incondicionalmente... Saltar a lei, en moitas ocasións, é o único camiño que nos deixan para superala. 

A realidade do mapa estatal mundial, lonxe de ser invariábel, é altamente cambiábel. Fronte a unha visión estática e inmutábel dos estados a realidade é que dos 196 estados que compoñen hoxe a ONU 43 se crearon nos últimos 35 anos. Fronte a unha visión de que un referendo é algo que non ten cabida no contexto do dereito internacional o certo é que desde 1957 se realizaron máis de 70 referendos de autodeterminación no mundo. Fronte a unha visión de inviabilidade económica e política das nacións sen estado, o certo é que ningún estado que se independizase no último século solicitou a incorporación ao estado de que se separou. Por algo será.

A NECESARIA LECTURA GALEGA DO PROCESO CATALÁN

A realidade catalá e a galega non teñen nada que ver, alén de ser corresponder ambas con nacións sen estado. O grao de conciencia nacional, de mobilización política, a situación socioeconómica ou de normalización lingüística e cultural son claramente diferentes. Galiza ten que percorrer o seu propio camiño. Porén, tan errado sería caer nun mimetismo non extrapolábel a unha realidade tan diferente, como xulgar que o que pasa en Cataluña non vai connosco ou que a catalanofobia inoculada ao noso pobo por todos os medios, aconsella poñerse de perfil.

O nacionalismo galego débese volcar, na medida das súas posibilidades, con este proceso. Non só por solidariedade -que tamén-, senón por interese propio, porque a súa loita é a nosa loita. Temos que estar preparad@s para todos os escenarios posíbeis, saber aproveitar as oportunidades -que as hai- e aprender das leccións deste proceso -que tamén as hai e importantes-, a comezar pola necesidade da autorganización e unidade na diversidade das forzas realmente soberanistas. Ningunha nación do mundo, en ningún momento histórico acadou a súa independencia sen contar con forzas propias que a reclamasen e a exercitasen. Isto é así porque ningún estado cede voluntariamente unha posición de dominio e privilexio. Esa liberdade haina que conquistar. Para iso a autoorganización é condición imprescindíbel. Unha nación sen estado non se pode autodeterminar se non hai opcións políticas que antepoñan ese obxectivo a calquera outro. En Catalunya, a unidade das forzas políticas non se deu en parámetros esquerda-dereita, senón de soberanismo-unionismo. Ese foi un salto cualititativo evidente en termos históricos, para o movemento de liberación nacional catalán. Hai moito do que aprender e do que nos reafirmar: a necesaria perseverancia, autoestima e orgullo, patriotismo desacomplexado, bo uso das institucións ao servizo da liberación nacional, non fuxida dos debates difíciles nin amedrentarse ante as dificultades, xenerosidade, visión non curtopracista… En definitiva, pensar e actuar como unha nación. 
 
UNHA VELLA NACIÓN, UN NOVO ESTADO

Este é un proceso cheo de dúbidas e con poucas certezas. Esa incerteza non é necesariamente unha mala aliada. A incerteza dinos que o futuro non está escrito e que todo é posíbel. Todo. Porén, persoalmente, teño dúas cousas claras: que o vindeiro 1 de outubro haberá urnas nas que pobo catalán votará libremente e que nada será igual a partir dese día.

O referendo do vindeiro 1 de outubro vaise realizar. O primeiro que o ten claro é Mariano Rajoy. A partir de aí comezará (realmente xa comezou) unha estratexia de deslexitimación do proceso e do resultado. Non é difícil prever o argumentario oficial do PP e do resto de forzas políticas españolas o día 2 de outubro: “foi todo unha farsa, unha teatralización sen ningún valor xurídico”, “non é legal”, “foi un simulacro”, “non foi un referendo, senón unha mobilización”, “baixa participación”, “nulo recoñecemento internacional”, “múltiplas irregularidades na xornada electoral”, “unha maioría silenciosa en Catalunya que dixo NON, non cunha papeleta senón ficando na casa”, etc.

Porén,  a autodeterminación do pobo catalán non comezará –nin rematará- o vindeiro 1 de outubro. O 1 de outubro Cataluña non votará se é ou non é unha nación. Cataluña é unha nación moito antes de que se soubese o que é unha urna. O pobo catalán leva autodeterminándose moitos anos, comportándose en todos os eidos como unha nación. O que fará en referendo é decidir, libre e democraticamente, se queren (ou non) exercer os dereitos que lles son inherentes á súa condición nacional.

Cataluña é unha nación madura, que lexítima e democraticamente, desde hai moito tempo,  aspira a se converter nun estado. O Govern tiña un mandato popular claro para avanzar na construción de estruturas e instrumentos de estado para Cataluña. É o que está a facer. Ante este feito, non teñen cabida equidistancias. Ou estamos a favor do dereito de toda nación a poder decidir libremente o seu futuro, ou non estamos. Ningún demócrata (de verdade) debera ter dúbida de que lado estar.

Cataluña non se resignará a ser o que lle deixen ser. Será o que o pobo catalán decida. O 1 de outubro Cataluña fará historia, a súa propia historia. 

 

Artigo publicado en Sermos Galiza o 6 de setembro de 2017.