A rede, caladoiro de pesca policial

A rede, caladoiro de pesca policial

Estamos a ser observadas colectivamente? Ergueu a lebre a propia Garda Civil no transcurso do xuízo contra o líder do grupo musical Def Con Dos, César Strawberry cando sinalou en resposta ás preguntas formuladas pola Fiscalía que a detección dos chíos na conta de Twitter do cantante madrileño fora realizada de maneira aleatoria “como se rastrexan as infraccións de tráfico”. 

Así o recolleu nun artigo publicado por eldiario.es Isabel Elbal, avogada especializada en dereito penal e letrada do propio Strawberry. Unha declaración do axente instrutor do atestado policial contra un dos detidos na denominada Operación Araña que chamou a atención da letrada embora “o fiscal fixo caso omiso ás graves manifestacións” declaradas.

“Veu confirmar o que moitos sospeitamos que había detrás de todas as operacións Araña”, acrecenta, “investigacións prospectivas nas que os axentes saen buscar pola rede expresións que poderían ser constitutivas de delito, sen que medie denuncia nen aviso de ningún particular”, sinala Elbal. Unha práctica, “taxativamente prohibidas” polo ordenamento xurídico español, segundo a avogada penalista ao suporen “unha grave lesión do dereito que din defender”.

E non foi César Strawberry o único atinxido por esa práctica, as dúas persoas detidas na Galiza no marco da cuarta fase do mesmo operativo e para as que piden até dous anos de cadea por suposto enaltecemento do terrorismo através das redes sociais, confirmaron a Sermos Galiza que os contidos sobre os que se asenta a acusación tamén foron adquiridos de maneira aleatoria navegando pola rede. “Buscan algún ilícito penal” sen que exista “indicio” do mesmo “a ver que poden atopar”, explica en conversa con Sermos Galiza, o avogado e presidente do Observatorio para os dereitos e liberdades, Esculca, Fernando Blanco. Se tivésemos que empregar un paralelismo, cando menos a respeito da finalidade que se persegue, apunta, podería semellar a “presenza dun axente acarón de cada un de nós nunha taberna a escoitar o que dicimos para ver se cometemos un delito”.

Dereitos fundamentais

Unha práctica, a das denominadas investigacións prospectivas, “en principio” non axustada a dereito de acordo coa “xurisprudencia garantista” que existiu até o momento no Estado español emanada do Tribunal Constitucional, o Tribunal Supremo e mesmo o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. De facto,  “só cando existan concretos indicios de delito resulta admisíbel a abertura de investigacións” aliás, estas “na medida en que o seu desenvolvemento vai afectar en maior ou menor grao a dereitos fundamentais, deberán estar desde o comezo controladas pola autoridade xudicial”, apuntaba en xaneiro de 2013 o fiscal Ángel Núñez nun artigo publicado por El País intitulado Investigacións policiais sen control.

E é que ao contrario do apuntado polo Garda Civil no xuízo contra César Strawberry, desde Esculca aseguran que “non é exactamente o mesmo” a investigación aleatoria na rede que un control de tráfico na N-640 pois, no segundo dos casos, “non existe unha limitación de dereitos fundamentais” como si supón a espreita en redes sociais ao atinxir “un dereito fundamental como a liberdade de expresión”. Máis aínda, cando esta se fai “sen autorización xudicial e control xurisdicional”, acrecenta Fernando Blanco. Aliás, acrecenta, para alén das “actuacións concretas” que atinxiron o cantante de Def con Dos ou o “concelleiro democraticamente eleito en Cangas”, Andrés García, constitúe “unha limitación de dereitos colectivos”.

Estamos a ser observadas?

As operacións despregadas até o momento, catro fases da Araña nas que resultaron detidas 75 persoas e unha nova en Cangas denominada Tarántula con 3 detencións, evidencian segundo o avogado de Esculca “unha presenza e control  constante e permanente” na rede por parte dos corpos policiais. Unha práctica, sinala, de “control masivo” semellante á que desenvolve a Axencia de Seguridade Norteamericana e amparada pola lexislación en materia de investigación policial que lles outorga aos distintos corpos “unha amplísima capacidade” desde que foi aprobada en 1986. Agravada, subliña, nos últimos anos pola tendencia “regresiva” en materia penal. Entre outras cuestións, pola Lei de Axuízamento Criminal mediante a cal se produce unha “crecente desxudicialización das instancias investigadoras en favor da policía”, antes mesmo da súa reforma en 2015, advertía o fiscal Ángel Núñez como parte do grupo de traballo que presentou unha proposta de modificación ao goberno español, sen éxito. Aludía o fiscal “ao feito da existencia de actuacións investigadoras de potencial intensamente lesivo de dereitos fundamentais, con frecuencia levadas a cabo con medios tecnolóxicos” referíndose a casos mediatizados nos que as persoas obxecto de investigación integraban a xudicatura ou mesmo a actividade politica. A reforma de 2015, di Fernando Blanco, “foi unha oportunidade perdida” pois lonxe de pular por un maior garantismo a modificación desandivo ese camiño.

Como? En boa medida impulsado polo que en Italia se definiu como a “cultura da emerxencia”, lembra Fernando Blanco ou en verbas da rapeira do Porto, Capicua, “o medo do medo”. Situacións extraordinarias na que ten boa acollida a limitación de dereitos. Unha limitación que “atinxe a todos os colectivos sociais e non só ao outro, ao inimigo” pois son aplicadas “ao conxunto” da poboación. “Sen éxito, doutra banda”, apunta Fernando Blanco ollando para a loita contra o jihadismo. Ao fío do atentado de Niza, di, “os servizos secretos non son quen de controlar os feitos delitivos” para os que teoricamente son deseñados estes ordenamentos xurídicos pouco garantistas porque “realmente non buscan iso senón exercer control social” sobre o conxunto da poboación. Ferramentas como STOP-Radicalismos, unha plataforma virtual creada por Interior para acumular denuncias “anónimas e mesmo inquisitoriais” contra aquelas persoas sobre as que se perciba “inicio ou desenvolvemento dun proceso de radicalización ou de xestación de condutas extremistas, intransixentes ou de odio” son, para Esculca, das medidas “máis graves que temos visto nos últimos anos”.

 

Artigo publicado en Esculca.gal (Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades)