Elas dixeron non, eles non o aceptan

Elas dixeron non, eles non o aceptan

Palpamos ao noso redor a indignación social polos últimos asasinatos machistas. Son moitas persoas as que senten carraxe e impotencia. Son, fundamentalmente, mulleres as que expresan estes sentimentos e falan nos centros de traballo, na rúa, coas amizades, as que repiten: isto ten que rematar. O círculo de persoas conmovidas aumenta cando non é posíbel reducir o perfil da muller asasinada a ningún estereotipo, cando se pode identificar con calquera de nós ou das mulleres que coñecemos. Tamén cando se trata de rapazas novas, con toda a vida por diante. Nas últimas horas catro mulleres asasinadas no Estado español, dúas na Galiza, idades diferentes, profesións diversas, procedencias heteroxéneas, expectativas vitais múltiplas.

Tendemos a situar a violencia machista lonxe de nós. Por iso, a proximidade produce un shock emocional. E é próximo todo aquilo que sentimos que nos podía acontecer, a nós ou ás mulleres das nosas proximidades. E estes casos devólvennos unha imaxe que moitas veces ocultamos. Estas mulleres asasinadas podiamos ser calquera de nós, podía ser calquera coñecida; ese é o temor que non nos deixa durmir nin descansar: a nosa filla, a nosa nai, a nosa alumna, a nosa médica, a nosa veciña, a nosa sobriña... Calquera. Os machistas veñen a por todas. Porque a única razón do seu comportamento está na dominación patriarcal, no control, na posesión, na negación da liberdade, na falta de respecto cando dicimos non. E as mulleres sabemos hoxe que temos dereito a dicir que non. Dereito teórico, o práctico aínda está por conquistar. Os machistas temen que o conquistemos. Saben que estamos nese camiño, que o comezamos hai tempo e queren que o desandemos. Temos que lles facer chegar a mensaxe de que cando tocan unha de nós, somos conscientes de que nos tocan a todas, porque non son casos diferentes os de Elena e os de Ana, por moito que haxa quen se empeñe en focalizar as diverxencias.

Mais este incremento da consciencia social contrasta co pouco que sabemos de como abordar estas situacións. Que facemos se coñecemos un caso de violencia?, como aconsellamos quen está pensando denunciar? Ninguén nos informou suficientemente dos recursos existentes, dos protocolos de actuación, cando e a quen acudir. Mesmo sabendo o que podemos facer pésanos o recoñecemento de que teremos en fronte todas as dificultades do mundo, porque faltan recursos e apoio, das Administracións e da sociedade, de todos os círculos necesarios para saír.

E tamén esta consciencia social contrasta coa escasa mobilización cidadá ante a violencia machista, como se continuásemos a pensar que son casos illados e excepcionais ou, o que é peor, como se désemos todo por perdido, como se xulgásemos que non hai nada que facer. E, nesta época de consumismo en que vivimos, tamén temos que afirmar que esta consciencia social contrasta coa publicidade machista que nos rodea, con xogos e xoguetes diferenciados, con patróns de beleza e esixencias de comportamento que nos estigmatizan.

E, finalmente porque ás veces parece que non avanzamos e repetimos unha e outra vez os mesmos erros que analizamos en xornadas e transmitimos en pautas de actuación que non se cumpren, esta consciencia social que nos rodea contrasta coa información mediática, que procura o morbo, debulla datos irrelevantes, procura explicacións nas biografías dos agresores, tenta facer explicacións particulares en vez de transmitir o que se repite unha e outra vez. Elas dixeron non, eles non o aceptan.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 21/12/2016.