Opinión

Sube a luz, gaña o Goberno

Co recibo da luz, tan intencionadamente opaco, polo que se pagan moitos conceptos descoñecidos para a poboación, é fácil crear cortinas de fume, de distracción, como vén de facer o Goberno do Estado, anunciando unha intervención no prezo do gas.

Habería que modificar, de arriba abaixo, todo o regulamento do sistema eléctrico para que tivese algunha lóxica social e territorial, se entendemos a enerxía eléctrica como un ben de primeira necesidade, pois está cheo de partidas económicas qu, ou ben son subvencións encubertas, ou de solidariedade entre territorios. Neste senso, hai un ano que o Parlamento galego tomou en consideración, por unanimidade, unha iniciativa lexislativa popular sobre a tarifa eléctrica galega, e medidas contra a pobreza enerxética, co aval de máis de 18.000 sinaturas, e o seu desenvolvemento lexislativo aínda dorme nalgún caixón do pazo do Hórreo.

Pero si hai unhas cousas que o Goberno, se quixese, pode facer de inmediato para baixar o prezo da electricidade. É actuar sobre os impostos; primeiro, eliminando o especial da electricidade, ese 5,11 % que se aplica sobre todos os conceptos do recibo eléctrico, tanto ao termo de potencia como ao de enerxía, agás ao alugueiro dos contadores. Ese gravame foi creado no ano 1997 para sufragar, especificamente, os custos da minaría de carbón español, pero Galiza, por decisión política, xa non se beneficia de ningún Plan do Carbón.

Ademais, sobre o conxunto do recibo eléctrico, incluído o imposto especial da electricidade, aplícase un IVE do 21 %, é dicir pagamos IVE tamén por outro imposto.

Poderíase reducir ese IVE (que, por certo, é superior en España ao da media da Unión Europea) se consideramos que a electricidade é un ben básico. Porén, na situación actual, a máis altos prezos maior recadación para o Goberno e, como lle gusta ao ministro Cristóbal Montoro, de xeito indiscriminado, tanto pagan por IVE as persoas en paro ou en precario como os señores das caixas, con indemnizacións millonarias, aos que agora mesmo, e temporalmente, tamén lles pagamos a luz e a manutención.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (24/01/2017)

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG