Galiza, desaparecida

Galiza, desaparecida

O finiquito do Banco Pastor súmase ao das caixas de aforro e deixa como balance unha Galiza á deriva en termos financeiros, coa complicidade e pasividade de Feijoo, que en apenas nove anos axudou a liquidar o noso sistema financeiro e puxo o aforro galego en mans foráneas.

A operación Popular-Pastor -unha nova modalidade de estafa bancaria- afonda na estratexia de centralización e concentración decidida desde Madrid, co apoio das forzas políticas do status quo, e deixa Galiza como a única nacionalidade histórica sen entidades bancarias propias. A perda das caixas e agora do Pastor non foi indiferente á creba de moitas empresas ou á falta de apoio a moitas iniciativas que contaban, para o acceso ao crédito, do vínculo social e territorial preferente destas entidades.

É certo que a economía non depende só da acción dun Goberno, mais un Goberno pode actuar e influír nela. O problema é que Feijoo carece de política económica, igual que carece de política de país: converteu a Xunta nunha xestoría ao servizo de intereses alleos. Das infraestruturas ás pensións, do financiamento á xestión dos recursos, en todas as grandes cuestións, o Estado trata a Galiza como un territorio de segunda, mais Feijoo cala e asinte.

Renunciou a actuar como presidente do Goberno galego para ser simple delegado en Galiza das grandes empresas que financian ao seu partido. Fíxoo co plan eólico, coa tarifa eléctrica ou coa AP-9. O problema é que os intereses das e dos galegos non son os de Villar-Mir, Iberdrola, ACS, ou tantos outros nomes que aparecen nos casos de corrupción do PP investigados pola Xustiza.

Diante da decapitación económica e financeira de Galiza, Feijoo mantén unha actitude pasiva, cómplice e irresponsable, nas antípodas do que debe ser o comportamento dun presidente digno de tal nome. A súa posición é a dun político sen ambición para o seu propio país, que en vez de exercer o autogoberno encomendase á «sensibilidade» dunha banca que só atende aos seus negocios, cruzado de brazos ante a destrución do tecido produtivo e do poder económico de Galiza.

Hoxe na Xunta o baleiro de ideas é clamoroso: nin hai capacidade política nin hai proxecto de país. Nun contexto que esixe política de altura, abrir o debate sobre o modelo de sociedade que queremos ser, Galiza está desaparecida. Que horizonte de país compartido se nos ofrece? Onde está a capacidade para enfrontar os retos económicos, sociais e culturais que temos diante? Como mellorar a capacidade produtiva, garantir uns servizos públicos universais e de calidade, deter a emigración e o desemprego, abrir oportunidades á nosa mocidade e recuperar a certeza de que ningunha persoa, por moito que a vida se lle torza, vai quedar tirada?

Feijoo non ten respostas porque nin sequera se formula as preguntas. Galiza carece de estratexia de país nos grandes temas. Non existe -e resulta vital a súa activación inmediata- unha axenda propia, galega, ao redor das grandes cuestións que poñer en común en beneficio da nosa sociedade.

Temos que mudar o rumbo. Precisamos un Goberno galego que se faga e nos faga respectar como pobo. E precisamos altura de miras para elaborar unha proposta de país próspero, inclusivo e compartido. Teño a firme convicción de que os galegos e as galegas, se nos unimos, somos quen de conseguilo. As solucións aos nosos problemas non virán de fóra.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 17/06/2017.