AP-9, non vou mentirlles

AP-9, non vou mentirlles
image3
image3

Se tivera que elaborar un decálogo de prioridades para mellorar a vida das persoas conseguir unha AP9 galega e libre de peaxes estaría na lista. 20.000 galegos e galegas sofren a diario a estafa legal das tarifas de Audasa cun desembolso medio de 15 euros e, aínda peor, son moitos máis os obrigados a coller vías lentas e inseguras porque simplemente non poden permitirse ir por autoestrada.

Fagan contas. Cos segundos salarios máis baixos do Estado quen pode permitirse unha media de 300 euros mensuais en peaxes para, por exemplo, desprazarse ao traballo? Como aturar o dislate de que viaxar entre A Coruña e Vigo sexa máis caro en peaxes que ir da Coruña a Madrid? 750 millóns de euros de beneficio neto proban ata que punto a AP9 está amortizada mais, grazas á privatización de Aznar, este saqueo non caduca ata 2048, 75 anos!

Pero, parafraseando ao señor Feijóo, non vou mentirlles: Cambiar esta situación é perfectamente posible se todas as forzas políticas sumamos nun pacto de país que xa tivo a súa primeira plasmación no acordo do Parlamento para reclamar a transferencia. Por certo, sobre unha proposta do BNG.

Di o presidente da Xunta, -nunha estratexia de negociación que non subscribiría nin un neno de párvulos-, que acadar ese obxectivo é "extremadamente difícil" porque o PSOE leva 22 anos e o PP 11 vetando esa transferencia desde Moncloa, nada menos que 31 anos. Pero ao longo dese tempo, un Goberno socialista transferiu a Cataluña as autoestradas A17 e A19 e un Goberno popular transferiu a Euskadi a AP8, todas elas de interese xeral, poñendo en solfa ese "extremadamente difícil" que, é obvio, desmenten os feitos.

No BNG temos claro que, desde a firmeza política, é posible conseguir unha AP9 galega como primeiro paso para unha autoestrada libre de peaxes, máxime nun contexto sen maiorías absolutas en Madrid. Pero, insisto, non vou mentirlles, para logralo hai que antepoñer os intereses de Galiza aos intereses de partido, saír da charlatanería e do titular que tanto gustan ao señor Feijóo e ser "militante de Galiza" como presume.

Por iso deixo aquí unha dobre pregunta que Feijóo evitou, ata agora, responderme.

En primeiro lugar, que vai facer o presidente galego ante as manobras do Goberno de Rajoy para vetar o debate da transferencia da AP9 no Congreso? Por certo, co silencio inestimable doutras forzas políticas que tamén se sentan na dirección da Cámara baixa e que teñen nas súas filas un bo puñado de deputados e deputadas galegas

E unha segunda cuestión. Que ten previsto facer o presidente da Xunta ante un Rajoy que está disposto a poñer enriba da mesa 5.000 millóns de euros, -ou os que fagan falta-, para rescatar ás ruinosas autoestradas madrileñas en mans da banca e das construtoras, pero ten cero euros para rescatar aos galegos e ás galegas da estafa legal das peaxes da AP9.

De onde van saír os cartos señora Pontón, me preguntaba retórico Feijóo no Parlamento. Pois do mesmo sitio que para as radiais madrileñas se está disposto a exercer como presidente deste país e non como recadeiro de Génova!

O BNG segue coa man tendida para manter a unidade política arredor desta xusta reclamación sabendo que, xunto coa presión social, é garantía de éxito. Pídolle a Feijóo que non permita ao PP romper esta unidade e que xuntos traballemos por darnos unha AP9 galega e libre de peaxes. Sería mellorarlle a vida a miles de galegos e de galegas dándolles un respiro nas súas afogadas economías. Non consiste en iso o noso traballo como servidores públicos, señor Feijóo?

 

Artigo publicado no Faro de Vigo o 03/12/2016