Carta de Principios políticos, ideolóxicos e valores do BNG

Galiza é unha nación e, por tanto, ten dereito á autodeterminación para decidir por si propia, de forma libre e soberana, o seu futuro.

O nacionalismo galego é a resposta democrática do noso pobo ante unha situación de dependencia económica, de opresión cultural e política da Galiza que imposibilita o progreso e benestar da sociedade galega.

O BNG é unha organización nacionalista porque defende a Soberanía Nacional e a liberdade da nación galega para se constituír nun Estado soberano, democrático, laico e republicano, a República da Galiza.

O BNG autodefínese como un movemento socio-político de defensa do país que abrangue diferentes realidades para alén da expresión política.

O BNG asume como valor esencial a defensa dos dereitos humanos e, nesa medida, loita activamente contra todo tipo de discriminación pola razón que for: de orixe ou étnica, de lingua, de relixión, de orientación ou identidade de xénero, de diversidade funcional ou doenza ou calquera outra.

O BNG é unha forza pacifista pois entende como prioridade a defensa da Paz mundial, o desarmamento e a disolución dos bloques militares agresivos e avoga pola resolución pacífica e democrática dos conflitos internacionais.

O BNG defende o laicismo e, nesa medida, entende que as administracións deben ser neutrais e manterse á marxe de calquera pronunciamento ou actividade relixiosa como maneira de garantir plenamente a liberdade de crenza de toda a poboación.

O BNG considera prioridade garantir dereitos esenciais como a saúde, a educación, a cultura, a vivenda e o traballo para toda a poboación de modo a asegurar unha vida digna para todas as galegas e galegos.

O BNG practica un nacionalismo popular, que defende prioritariamente os intereses dos traballadores e das traballadoras e do conxunto das clases populares galegas. En todo o caso, o BNG dirixe as súas políticas á maioría social do noso País e defende os intereses do pobo galego e da Galiza como nación.

O BNG encarna un nacionalismo transformador, que traballa para mellorar as condicións de vida das galegas e dos galegos e para conseguir unha sociedade nova, realmente democrática, sen discriminacións de xénero, con liberdade e xustiza social.

O BNG asume que para o desenvolvemento da Galiza como nación é preciso que o pobo galego se articule en organizacións políticas e socias propias. Por tanto, o BNG promovera de maneira activa a autoorganización do pobo galego en todos os ámbitos como forma de avanzar no proceso de autodeterminación.

O BNG defende políticas sociais que visan acabar con calquera forma de explotación do ser humano e coas desigualdades sociais e económicas. Nesa liña, defendemos un modelo social avanzado, que garanta o control público dos nosos recursos e sectores estratéxicos da economía, que respecte os dereitos laborais e impulse un desenvolvemento socio-económico non dependente, sustentábel e xusto, capaz de promover o benestar de todo o pobo.

O BNG defende e promove a plena normalización social da nosa lingua e o dereito a vivirmos en galego e a desenvolvermos a nosa cultura en beneficio da cohesión social, do enriquecemento do noso acervo cultural e do noso desenvolvemento material.

O BNG é unha organización democrática e participativa que defende a necesidade de avanzar en dereitos individuais e colectivos e de camiñar para unha democracia real baseada na participación directa de toda a poboación na tomada de decisións.

O BNG asume o feminismo como ferramenta imprescindíbel para a superación do heteropatriarcado e o combate de todas as formas de violencia (social, política, económica, de estado, psicolóxica, física, etc), explotación e discriminación que se exerce contra as mulleres e as persoas non heterosexuais. Esta perspectiva inscríbese de forma transversal en todos os obxectivos políticos e programáticos, así como en toda a acción política do BNG.

O BNG asume como propia a defensa dos dereitos e liberdades das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI).

O BNG é unha forza activamente comprometida coa defensa do ambiente e do territorio e defende políticas acordes co principio de sustentabilidade, para a salvagarda do planeta, o respecto do medio e pola erradicación do maltrato animal.

O BNG é unha forza patriótica e, ao mesmo tempo, internacionalista, que defende o dereito de todos os pobos do mundo a seren libres e a decidiren de forma soberana e séntese plenamente solidario con todas as nacións que loitan pola liberdade.

O BNG é unha forza anti-imperialista pois rexeita a dominación dunhas nacións sobre outras, combate todas as formas de opresión, oponse a calquera clase de inxerencia ou intervención política ou militar de carácter imperialista e avoga por relacións internacionais de cooperación.