Carta financeira

Unha forza política como o BNG, galega, nacionalista, e de extracción social popular, precisa para garantir a súa función de defensa da nación e dos seus dereitos, manter recursos económicos que lle permitan actuar con eficacia e axilidade nos planos político e social, lonxe dos métodos de financiamento doutras formacións políticas.

Unha das fortalezas do BNG consiste, precisamente, no xeito diferente, non convencional, de concibir a súa actividade política, fundamentada no esforzo colectivo da súa militancia e na non dependencia de lobbies económicos, banca, ou corporacións económicas. A nosa organización e a súa actividade política e social constrúense coa achega, o traballo e o esforzo colectivo de milleiros de militantes e simpatizantes da causa nacionalista.

Porén, somos conscientes da situación económica estrema que está a atravesar Galiza, e que afecta especialmente ás súas clases populares. Como parte delas, a militancia do BNG e a base social nacionalista non son alleas a esta realidade devastadora, o que provoca situacións dramáticas: o desemprego, a precariedade e a emigración son traxedias que afectan a un bo número de militantes nacionalistas e, por tanto, ás propias finanzas da organización.

Na Galiza, a diferenza doutras nacións sen estado, o movemento de liberación nacional (quer no plano político, quer no sindical, cultural, social), tense construído desde abaixo, desde os sectores populares, sen apoio ou amparo dos poderes económicos, mesmo autóctonos. Con esta realidade obxectiva, a xeración de recursos económicos que nos permitan cumprir coa nosa función residénciase fundamentalmente no compromiso militante e, a el vinculado, nas achegas procedentes da representación institucional do BNG. Este será o noso esforzo prioritario.

Desde a consideración de que o maior activo do BNG é o traballo voluntario das/os militantes e simpatizantes, os principais recursos económicos do BNG serán as achegas das persoas que compoñen a Organización. O obxectivo consiste en acadar a plena independencia a respecto de calquera poder alleo.

Os criterios expostos non son unha novidade para o BNG: Hai tempo xa que nos dotamos dun instrumento destas características, mais o que se precisa agora é unha actualización co fin de o adaptar á situación da organización e ás súas necesidades.

Non é obxecto desta Carta Financeira atender a cada unha das posíbeis situacións individuais, senón dotar o BNG dun instrumento eficaz que, desde a regulación xeral, acolla as particularidades que se puideren dar en relación ás achegas de cada un dos/as nosos/as representantes institucionais e daqueles/as que ocupan postos de designación política..

Estas son as razóns que levaron ao Consello Nacional do BNG, na sesión realizada o pasado 29 de novembro, a aprobar unha Carta Financeira que inclúe os seguintes aspectos básicos:

 

0.- PRINCIPIOS XERAIS.

1.- As persoas que se ven vinculadas pola Carta Financeira son todas aquelas que ocupan postos de designación política ou de elección representando ao BNG, sexan ou non afiliadas á organización, e que perciben algún tipo de ingreso derivado do exercicio da devandita representación política.

2.- Toda/o candidata/o a ocupar postos de designación política ou de elección representando o BNG deberá ter coñecemento do contido da carta financeira, e asumirá o compromiso de cumprir con estas condicións.

 

1.- DAS/OS DEPUTADAS/OS NO PARLAMENTO DE GALIZA

1.- A totalidade da achega pública ao Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza será destinada ao BNG.

2.- Cada deputada/o achegará mensualmente unha cantidade fixa de 1.225 euros. No caso do portavoz, 1.325, e das vice-portavoces, 1.275.

3.- As/os deputados/as non percibirán da organización ningunha achega en concepto de desprazamento por razón da súa actividade política.

 

2. DAS/OS REPRESENTANTES NAS CORTES XERAIS DO ESTADO.

1.- A totalidade da achega pública ao BNG nas Cortes Xerais do Estado será destinada ao BNG.

2.- Cada deputada/o achegará mensualmente unha cantidade fixa de 1.200 euros.

3.- As/os deputados/as non percibirán da organización ningunha achega en concepto de desprazamento ou aloxamento en Madrid por razón da súa actividade política.

 

3.- DAS/OS REPRESENTANTES NO PARLAMENTO EUROPEO

1.- Os/as asistentes no Parlamento europeo pasarán a cotizar ao BNG segundo o estipulado na táboa de achegas anuais, do que se descontarán gastos atribuíbeis a desprazamentos por razón da actividade política cun tope máximo de gasto mensual.

2.- A deputada do BNG, durante o tempo de exercicio da súa responsabilidade institucional, achegará mensualmente segundo o estipulado na táboa de achegas anuais.

3.- A parte proporcional atribuíbel ao BNG das partidas procedentes do Parlamento europeo e do grupo parlamentar do que forme parte a coalición na que participa o BNG, será administrada baixo supervisión da Área Nacional de Organización.

 

4.- DOS/AS REPRESENTANTES NO CONSELLO DA CRTVG E DA CRTVE-GALIZA E OUTROS.

1.- Os/as representantes do BNG nos consellos da CRTVG e CRTVE-Galiza ingresarán o 100% das súas percepcións na conta nacional do BNG, despois de deducir gastos por motivos de desprazamento.

2.- As mudanzas operadas na regulación legal deste organismo, no relativo ao estatus das persoas que o compoñen, modificarán as condicións descritas no punto 1., debéndose adoptar un novo acordo en coherencia coa nova situación unha vez se produza.

 

5.- DAS/DOS REPRESENTANTES NAS DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS

1.- As deputadas/os provinciais do BNG sen dedicación exclusiva destinarán ao BNG o 100% das súas percepcións, despois de deducir gastos por motivos de desprazamento.

 

6. DO RESTO DAS PERSOAS QUE OCUPAN POSTOS DE REPRESENTACIÓN POLÍTICA POR DESIGNACIÓN OU POR ELECCIÓN.

1.- As achegas do resto de persoas que ocupan postos de designación política ou de elección representando ao BNG con dedicación exclusiva ou parcial fican suxeitas ao criterio de progresividade tal e como se reflicte na seguinte táboa:

INGRESO BRUTO ANUAL

ACHEGAS ANUAIS

Desde

Até

Porcentaxe a achegar e tramo

0

25.000

2%

25.001

30.000

5%

30.001

35.000

10%

35.001

40.000

16%

40.001

50.000

22%

50.001

60.000

28%

2.- As/os representantes municipais sen dedicación exclusiva destinarán ao BNG a totalidade dos seus ingresos por asignacións por asistencias a plenos ou comisións, unha vez deducidos os gastos.

3.- Os ingresos derivados da representación do BNG nas deputacións provinciais serán redistribuidos entre as comarcas da provincia correspondente cun criterio obxectivo a acordar entre estas.

4.- O 20% da cantidade ingresada das/os representantes municipais será destinado á caixa nacional.

 

7. DISPOSICIÓNS FINAIS.

1. Todas as achegas ao BNG das persoas que ocuparen postos de representación por designación ou por elección fica suxeita ás variacións dos seus ingresos brutos anuais.

2. A Executiva Nacional será a que resolva calquera tema non previsto pola carta financeira. En todo caso, poderá delegar esta función na Área Nacional de Organización.

3. Os informes económicos estarán a disposición da militancia. Cada militante terá dereito a obter información sobre a situación económico-financeira da organización. Anualmente publicarase un balance de ingresos e gastos na web do BNG, distribuíndose tamén entre a militancia.

 

Aprobada polo Consello Nacional do BNG.
Galiza, 29 de novembro de 2014.

 

Bótalle un ollo á nosa sección de Transparencia.