A Xunta cede persoal laboral ás concesionarias de comedores de nen@s con necesidades especiais

Olalla Rodil
Foto Olalla Rodil en comisión

Unha instrución aprobada o 30 de maio de 2017 permite unha situación contraria á normativa vixente sobre comedores escolares e muda as condicións do persoal laboral da Xunta

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe á Xunta pola instrución que obriga ao persoal laboral a asumir atención nos comedores  de nenos e nenas con necesidades especiais a pesar de ser unha función que corresponde ás empresas concesionaria. Ademais, tamén preguntou se esta medida cumpre co disposto no V convenio único e se nalgún momento houbo negociacións coas traballadoras e organización sindicais para mudar as condición de traballo.

Na súa intervención, Rodil afirmou que  situación é contraria a normativa vixente e o persoal que atende as crianzas con necesidades educativas especiais nos centros de ensino público  están a ser “cedidas ás empresas de catering que operan en múltiples comedores escolares galegos”.  

En xaneiro do 2017, explicou a nacionalista,  o Concello de Compostela solicitou  á Xunta,  a través da Xefatura Territorial, que puxese a disposición do alumnado con necesidades educativas especiais   persoal laboral correspondente a esas crianzas para substituír durante o horario de comedor un servizo que até ese momento prestaba o monitor a cargo da empresa concesionaria, neste caso, SERUNION.

Despois de aceptar a petición, a través da instrución 8/2017 a Consellaría fai extensíbel esta situación ao conxunto do país e prevé que as persoas coidadoras de estudantes con NEEs asistan e axuden no comedor escolar e nos períodos anterior e posterior ao xantar a estas crianzas de maneira gratuíta.

Tanto é así, recalcou a deputada,  que na Instrución  a propia Xunta recoñece que está a mudar as condicións de traballo do persoal laboral ao sinalar que “en ausencia dunha previsión específica das funcións dos coidadores de NEEs no Convenio Colectivo do Persoal laboral da Xunta” aplícalles o Convenio do Ministerio.

Por outra banda, a Asociación de auxiliares técnicas educativas de Galiza denunciou esta situación mesmo remitindo á Inspección educativa escritos nos que non só amosan a súa disconformidade senón os problemas xerados polo feito de estar traballando para “empresas privadas” e de maneira gratuíta.

Pola súa parte, o director Xeral Técnico, Jesús Oitabén Barcala respondeu á deputada que que os coidadores deben coidar aos rapaces que están ao seu coidado e o que leva feito a consellería “é o correcto”.

A parlamentaria replicou que tanto a consellería como a  instrución “divide o persoal laboral” e crea  un agravio comparativo a respecto daquelas persoas coidadoras que traballan en comedores xestionados directamente pola Xunta. Dende o BNG  consideramos  que  “non se poden tratar igual situacións diferentes” e igualar  “un servizo público directo cunha concesión privada”. Imos facer ao profesorado que recolla os pratos tamén? Imos mandar o persoal coidador de alumnado con NEEs a atender as crianzas no transporte escolar? ironizou a nacionalista.

Rodil rematou a súa intervención pedindo respecto para os dereitos deste colectivo, “non poden ser usados de escusa para modificar as condicións de traballo do persoal laboral da Xunta e menos sen negociación algunha, só co ordeno e mando da Consellaría”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG