Parlamento Galego

Xosé Luís Rivas "Mini": "Con estas contas, este ano tampouco será do rural"

Intervención Mini
Mini na comisión de rural
  • O deputado do BNG afirmou que a Consellería de Medio Rural carece dun modelo “para desenvolver o campo galego” e  estratexias de impulso  para os sectores leiteiro e forestal

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas  manifestou hoxe, trala comparecencia da titular de Medio rural, María Angeles Vázquez, que este ano  “tampouco  será o do medio rural”.

No debate orzamentario celebrado hoxe no Parlamento galego para presentar as contas da Consellería de Medio Rural, o deputado lembrou que durante a campaña electoral o Presidente da Xunta anunciou 1.200 M€ durante tres anos pero despois de escoitar a conselleira de Medio Rural  podemos concluír que “unha vez máis enganaron á xente e van a seguir facéndoo”.

Medio Rural carece de proxecto para o sector leiteiro

Para o nacionalista, este sector só ten unha saída, “facelo competitivo” e non é só cuestión de cartos, é necesaria unha diagnose atinada e sacalo do pozo no que está pero para iso, é preciso crer na súa potencialidade e no bo traballo dos produtores e produtoras e vostedes, dixo, “non queren facelo”. O sector leiteiro galego necesita dun proxecto que transforme o leite líquido aquí en Galiza e aproveitar o valor engadido porque o “noso queixo ten un gran futuro na exportación” así como os produtos lácteos infantís, cremas...

Nos próximos dez anos, explicou o nacionalista, Irlanda aumentará a súa produción nun 41% e Gran Bretaña por riba do 10% porque teñen proxecto de país, un proxecto do que “vostedes carecen” a pesar de que o noso clima, os medios humanos e físicos non teñen nada que envexarlle a estes países nin aos  do norte de Europa pero si envexamos “a súa  cordura política”. O sector necesita terras, superficie agraria útil e producir leite líquido con máis marxe de beneficio e favorecer con “primas especiais” un modelo de produción forraxeira, principalmente herba.Temos que apostar, recalcou, por “un modelo endóxeno” e con beneficios.

Sobre o Banco de terras, Xosé Luís Rivas preguntou que foi del e que futuro lle agarda. Existe algún plan de choque para que o sector “non morra a mans da industria”?. Non hai interlocución entre o sector produtor e o transformación, era a consellería, e vostedes, dixo, “non queren promover ese nexo”.

Modelo forestal sen debate sectorial

O parlamentario do BNG tamén se referiu na súa intervención á planta de biomasa de 50 Megavatios en Curtis que absorberá tal cantidade de madeira que se verán obrigados a ocupar “terras agrarias” porque no caso contrario non poderá funcionar.  Vostede , dixo, é a responsable da alimentación da poboación galega e da “autonomía alimentaria” e non pode facerse “a xorda” do que acontece. Serán invadidas terras agrarias con inframadeira para contentar o clúster da madeira. O negocio agora, afirmou o nacionalista chámase “biomasa”.

As 8 plantas de biomasa, explicou, demandan xa un millón de toneladas, “entre 15 e 20 hectáreas anuais de cortas” e multiplicar por dez os megavatios requiriría queimar todos os anos unha superficie equivalente a metade da provincia de Pontevedra e o propio estudo de impacto ambiental da planta de Curtis recolle o consumo de 568 toneladas ao ano de biomasa recolectadas na provincia da Coruña. “Non é casual a súa instalación”, porque a súa ubicación facilita traer madeira de calquera parte de Galiza, denunciou.

Dende o BNG afirmamos que o modelo forestal non conta cun debate sectorial. “A prorroga de ENCE non é casualidade, a incautación dos montes para empresas privadas coa xustificación dunha débeda, tampouco é casual, a ausencia de explotacións porcinas e de  coellos...este, é o seu modelo, non mover o campo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG