O SERGAS ten que corrixir as deficiencias do transporte sanitario que presta unha empresa vinculada ao PP

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, pide á Xunta que tome as medidas necesarias para corrixir as deficiencias do servizo de transporte sanitarios urxente que presta unha empresa vinculada ao PP, deficiencias que son “un síntoma máis da situación que vive a sanidade galega marcada polos recortes, polos repagamentos e derivada da aposta ideolóxica da dereita de facer negocio coa saúde, negocio para as empresas amigas e mesmo para que ten responsabilidades no PP”.

Prado denuncia que “a licitación do transporte sanitario urxente de 2014 foi unha auténtica temeridade cun orzamento a todas luces insuficientes para ofertar un servizo con garantías e de calidade. Pero fíxose igual a pesar das múltiples advertencias e de que a empresa adxudicataria, –Ambuibérica-, viña precedida de deficiencias e denuncias, e hoxe ten case réxime de monopolio en Pontevedra e na Coruña”.

A deputada denunciou na Comisión de Sanidade que os problemas que lastran o servizo de transporte sanitario urxente son consecuencia “de primar os baixos prezos por riba da calidade asistencial e laboral”, de tal xeito, alegou, “que a empresa mesmo chegou a descolgarse do convenio colectivo e pide reducir salarios, unha cuestión advertida e previsible, porque así pasou xa noutras comunidades autónomas”.

Entre as múltiples irregularidades, o uso de ambulancias básicas para o transporte de enfermos graves de xeito habitual, “co que iso supón de risco para as persoas doentes”, así como o “uso perverso” de contratos en prácticas que tamén teñen un efecto negativo sobre o servizo, ao que se suma o feito da sobrecarga do servizo 061 que prolonga os tempos de espera no aviso ás ambulancias.

Na iniciativa parlamentaria, Prado solicitou da Xunta primar a calidade asistencial nos concursos para a adxudicación de servizos sanitarios, exercer control sobre as empresas que prestan o servizo, cumprimento das condicións establecidas no transporte sanitario urxente terrestre. Igualmente, dotación do número de ambulancias establecidas no prego de condicións, así como a súa rotulación como prestadoras do servizo público do Sergas.

Ademais, Prado pide que se dote persoal suficiente, tanto en número como en cualificación, e garantías dos dereitos laborais dos e das traballadoras que prestan servizo para as empresas adxudicatarias do servizo de transporte sanitario urxente terrestre, do concertado e da central de chamadas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG