Rubén Cela: “Poder votar, poder decidir, é o normal nas sociedades democráticas, por iso apioamos o #1O”

Rubén Cela nun acto da CUP
Rubén Cela nun acto da CUP

O BNG participa esta fin de semana en diferentes actos con ERC e CUP de apoio ao referendo do 1 de Outubro e a favor do dereito do pobo catalán a decidir o seu futuro



 

Santiago de Compostela, 10 de setembro, 2017.- O Bloque Nacionalista Galego participa esta fin de semana, a través do responsábel de Relacións Internacionais Rubén Cela, en diferentes actos das forzas políticas soberanistas de Cataluña. Trátase de encontros e actividades previos á celebración da Diada mañá, luns 11 de setembro, data en que tamén o BNG estará presente e participará de forma directa.

Para o nacionalista Rubén Cela, o BNG está, co seu apoio ao referendo, á altura das circunstancias diante dunha situación como a que vai vivir Cataluña o 1 de outubro, porque é o momento de “como nacionalistas, mais sobre todo como demócratas, apoiar con claridade o dereito dos pobos a decidir o seu futuro”.

Rubén Cela lembra tamén que “en Cataluña 8 de cada 10 persoas manifestan abertamente o seu apoio ao dereito a decidir, aínda que despois uns opten pola independencia e outros por outras fórmulas. O relevante é o apoio maioritario existente en Cataluña a podérense expresar libre e democraticamente como pobo”.

Nesta liña, recalcou que, coa resposta política e represiva dada polo Estado español, unha vez máis constátase a escasa cultura democrática deste e a ausencia na práctica da separación de poderes. Para Cela, “poder votar, poder decidir, é o normal nas sociedades democráticas. O que non é normal é ver como se poñen ás forzas de seguridade ou ás institucións xudiciais ao servizo da persecución das ideas e da coerción da vontade democrática.”

“A xustiza española hoxe é un brazo máis ao servizo do Partido Popular. No BNG preguntámonos por que non actuou o Tribunal Constitucional cando PP e PSOE cambiaron nunha tarde de verán a Constitución para blindar á banca fronte os dereitos das persoas?. Por que non esixe a Fiscalía que respondan Rajoy e Soraya Sáenz de Santamaría co seu patrimonio persoal polos máis de 40.000 M€ que acabamos de coñecer que desde o Goberno lle regalaron á banca?. Por qué a fiscalía non actúa contra Montoro, que fixo unha amnistía ilegal e anticonstitucional?”, insistiu o representante do BNG.

ACTOS POLÍTICOS

O domingo 10, ás 11 horas, o BNG participa, xunto con outras organizacións soberanistas do Estado, nunha rolda de prensa da CUP en apoio do referendo do 1 de outubro.

O luns 11 ás 9.30 horas o BNG participará na ofrenda floral ao monumento a Rafael Casanova con delegación propia, convidados por ERC.

CONFIANZA NO ÉXITO DO 1 DE OUTUBRO

Sobre os atrancos que o Estado está a poñer á celebración do referendo, Cela manifestou o desexo do BNG de que “as presións políticas, mediáticas e xudiciais non logren impedir o éxito dun día de democracia e participación como vai ser o 1 de outubro. Estamos e estaremos sempre coas loitas xustas e cos procesos políticos que fan avanzar os dereitos e democracia. Os dereitos e as conquistas sociais que hoxe temos existen porque houbo quen cuestionou no seu día o statu quo. Os dereitos conquístanse, e as leis mudan para adaptarse aos cambios sociais. Ou acaso as sufraxistas non desafiaron as leis que lles impedían votar ou Rosa Parks non incumpriu a lei que a discriminaba por ser negra?”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG