Prado advirte que o novo mapa do Sergas provocará máis deterioro na sanidade pública

Montse Prado
Montse Prado valora o novo mapa sanitario do SERGAS

A deputada do BNG, Montse Prado afirmou hoxe que a modificación do mapa sanitario en Galiza proposto no anteproxecto de lei do Partido popular “provocará máis deterioro na sanidade pública, consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico en detrimento das necesidades dos usuarios e usuarias e afecta negativamente  á calidade asistencial”.

A parlamentaria compareceu ante os medios de comunicación e manifestou que non “é de recibo” que en pleno mes de agosto, o SERGAS presente na mesa sectorial de sanidade o anteproxecto de modificación do mapa sanitario   establecendo só 15 días para as alegacións o que ao seu xuízo, “non é un bo exemplo de vontade por parte do SERGAS para acadar algún tipo de negociación”.

A deputada explicou que o anteproxecto de lei que modifica a actual lei de sanidade restará capacidade á Atención primaria “porta fundamental para acceder ao sistema sanitario” así como ás áreas sanitarias e hospitais comarcais. Neste sentido, salientou que o novo mapa “alonxa á sanidade da poboación”. As EOXI pasan a ser áreas e estas serán distritos eliminando  as áreas sanitarias vinculadas aos hospitais comarcais.

O BNG, reiterou a deputada, critica “o fondo e a forma” do anteproxecto e pedirá a súa retirada. O anteproxecto, dixo, presentase no mes de agosto, mes de baixa actividade e cun gran número de profesionais de vacacións. A nacionalista cualificou de “opaco” o anteproxecto  e sen  ningún tipo de consulta á Mesa sectorial nin interlocución social.

A parlamentaria tamén  destacou que a modificación da lei do ano 2008 retira as funcións de asesoramento e consultivas do Consello de Saúde e  capacidade de avaliación dos consellos de saúde así como a súa configuración que quedará  “en mans  da propia Xunta”.

Montse Prado, recalcou a oposición do BNG á modificación da Lei de Sanidade nos termos que defende a consellería  e reclamou unha reforma noutra dirección que contemple o mantemento das áreas sanitarias establecidas na Lei de Saúde de 2008, valorizar os hospitais  comarcais e a Atención primaria, manter os  concellos de saúde  coas mesmas competencias, que a cidadanía poda testar e avaliar a xestión sanitaria  e dotar a sanidade pública de máis “medios e recursos humanos”. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG