O PP vota en contra de devolver o Pazo de Meirás ao pobo galego e da condena pública á Familia Franco

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará lamenta que, unha vez máis, o PP  manteña unha actitude “permisiva e cómplice” coa familia Franco

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei en comisión  na que reclamaba ao Partido popular, abandonar a súa actitude “permisiva e cómplice” coa familia Franco e co uso do Pazo de Meirás. Ademais o texto incluía “unha condena firme” da utilización do Pazo por parte da Fundación Francisco Franco,  crear unha comisión de estudo para a súa devolución ao patrimonio público galego e avanzar na  aprobación dunha lei galega de Memoria histórica que “prohiba, persiga e sancione os actos de exaltación franquista”.

 O nacionalista lamentou o voto en contra do grupo popular e lembrou que a multa imposta á FFF por utilizar as visitas ao pazo arbitrariamente non se aproxima ao regalo de 53.000 euros que a Xunta destinou á familia Franco para financiar o Pazo de Meirás. Neste sentido, reclamou un cambio da lei para sancionar   os comportamentos reiterados e  a súa tipificación como “feito grave sancionable con 150.000 euros” e se persiste o feito poder  cualificalo de moi grave cunha sanción de ata 1.000.000 euros. Aínda así dixo, esta cantidade non se aproxima a todo o que “levan roubado”.

 Bará considerou  “unha provocación” as declaracións da Fundación Franco anunciando a xestión das visitas. Resulta, dixo, “un aldraxe e ofensa á verdade histórica ”  ao  pobo galego e as vítimas do franquismo que unha Fundación utilice as visitas para enaltecer os valores do ditador e do fascismo, iso, hai que “condenalo con contundencia” e non coa mesura que amosa o Presidente da Xunta e o Partido popular.

Para o parlamentario o que está acontecendo co Pazo de Meirás e cos bens “roubados e espoliados” no franquismo debe resolverse cunha lei galega de Memoria histórica que defenda os dereitos das vítimas así como a súa reparación e que sancione a todos aqueles que fan “apoloxía da ditadura, do xenocidio e do fascismo”.

 Trala intervención da portavoz popular, o deputado do BNG replicou que o PP “está incomodo con este debate e ponse á defensiva” para escapar e tentar tapar o asunto, pero dende o BNG “non imos deixar que isto pase”.

 O BNG recorrerá a todas as instancias internacionais para conseguir “unha condena” da actitude do Goberno español contra o respecto ao dereitos democráticos e á memoria histórica e de todas as vítimas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG