O PP vota en contra das propostas do BNG para loitar contra a praga da vespa velutina

Vespa velutina comendo un figo
Vespa velutina comendo un figo

O BNG propón distribuír 50.000 trampas en todo o territorio galego contra esta praga

Xosé Luís Rivas afirmou que o PP tomará medidas de choque cando a velutina  entre nas vilas e cidades pero o dano ao medio ambiente xa será irreparable

A través dunha proposición non de Lei, o  deputado do BNG, Xosé Luís Rivas reclamou ao  Parlamento galego instar á Xunta de Galicia a: “Impulsar, financiar e coordinar unha campaña primaveral de trampeo masivo coa distribución de 50.000 trampas cos seus 300.000 atraentes por todo o territorio galego onde a avespa Velutina teña presencia”.

Ademais, considerou  que é necesario dar a maior difusión posible a esta campaña de trampeo para que cidadanía en xeral e os equipos encargados do mesmo e do seu control sexan conscientes da importancia deste labor. Outro dos puntos recollidos na proposta do BNG solicita “abrir liñas de investigación encamiñadas a estuda-lo comportamento deste insecto invasor no noso territorio, os seus mecanismos de adaptación e supervivencia e as posibles debilidades que permitan establecer mecanismos de loita biolóxica que sexan respectuosos co medio ambiente.”

O PP vota en contra da proposta do BNG

O parlamentario criticou a falta de interese do goberno galego por, como mínimo, dixo,  “retrasar a chegada a Galiza da avespa velutina” cando xa contaba con información do que estaba acontecer noutros territorios. Os apicultores entón, explicou, víronse sos e tiveron que  “buscarse a vida” ante a presenza dun   insecto que está a crear graves problemas en diversas producións e medio ambiente. Cando os apicultores falan de “trampeo masivo” hai que  atender esta  recomendación e non agardar a ver que pasa como está a facer o PP.

A velutina monopoliza as  árbores e impide que calquera insecto acceda a esa fonte de alimento. Descoñecemos como reaccionará o ano que ven porque cada ano faino con “máis virulencia” e se non lle poñemos coto acabará cos cultivos e a polinización.

O medio rural sufre os efectos da velutina e hai que informar aos cidadáns dos pasos a dar cando atopan un niño primario. Vostedes, recalcou Mini,  non realizaron estudos científicos no ano 20012 porque “acoden á ciencia cando lles convén”. Sempre van “a remolque”, fagan algo contra a velutina, insistiu.

 

Xosé Luís Rivas, (Mini) lamentou que o Partido popular votara en contra das medidas propostas polo BNG e afirmou que “o día que a velutina se implante nas vilas e nas cidades, o Partido popular sairá con medidas de choque urxentes pero desgraciadamente o  dano no medio ambiental será irrecuperable”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG