O PP de Galiza é o máis reaccionario e insensible cando se trata de cumprir coas vítimas do Franquismo

Luís Bará
Luís Bará

Critica o veto dos populares a unha iniciativa do BNG para anular as sentenzas dos tribunais da ditadura e denuncia que Raxoi presume de non adicar un euro á Lei da Memoria Histórica

O deputado Luís Bará criticou que, unha vez máis, o PP de Galiza vete unha iniciativa do BNG a favor da reparación das vítimas do Franquismo, que neste caso propoñía pedir ao Goberno central que se anulasen todas as sentencias ditadas polos tribunais fascistas da ditadura.

Sen embargo, o grupo de Goberno votou en contra pese a que noutros territorios como Catalunya ou Baleares o PP apoiou sendas leis nas que se abre a porta para anular nesas comunidades todas as sentencias dos tribunais franquistas ata 1978, por considerar que son totalmente contrarias a dereito e a calquera requisito mínimo de xustiza e democracia.

“Pero aquí temos a desgraza de soportar o Partido Popular máis reaccionario, máis retrógrado e máis insensible a estas cuestións, e non me queda máis remedio que dicirllo porque a súa práctica é esa, vostedes están na cola, non só non fan nada senón que votan en contra de todo o que se presenta neste Parlamento en materia de cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Cambien o rexistro e póñanse na onda dos partidos populares máis avanzados e rompen con ese pasado escuro”, instou Bará no debate da iniciativa do Bloque en Comisión.

O deputado nacionalista avanzou que o BNG aposta por unha lei propia galega para conseguir a anulación das sentenzas dos tribunais franquistas en Galiza, como xa teñen Catalunya, Baleares ou Andalucía, pero mentres propoñía instar ao Goberno de Raxoi a que actuase para deixar sen efecto esas sentenzas como reparación e compensación ás vítimas e as súas familias. 

“A reconciliación existirá cando se cumpran os mandatos internacionais a favor das vítimas, pero o PP permite que as feridas segan abertas, como demostrou  votando en contra da Lei da Memoria histórica e cun presidente do Estado que presume de non gastar un só euro na aplicación desa lei, cando precisamente o cumprimento dunha lei se demostra nos orzamentos”, salientou.

Bará denunciou que o Goberno de Raxoi foi sempre “belixerante” coa Lei de Memoria Histórica, cando só desde o recoñecemento e a compensación ás vítimas da ditadura se pode construír unha sociedade cunha democracia digna de tal nome, “e iso non é posible mentres segan abandonadas nas cunetas persoas que loitaron polo que hoxe consideramos liberdades fundamentais”.

Anomalía democrática

Neste sentido, o deputado considera unha auténtica anomalía que 80 anos despois do levantamento fascista segan sen resolver moitas cuestións que teñan a ver co deber dos poderes públicos de facilitar a reparación e a conciliación. “É de xustiza recoñecer a estas persoas, un dereito colectivo que vai máis aló da vítimas e das súas familias, é o dereito a verdade, xustiza, reparación e a non repetición pero que o Estado español non cumpre”, denuncia.

Só con esa actitude de permisividade do Goberno do Estado cara ao franquismo se explica que tras catro décadas da morte do ditador “sigamos falando de títulos nobiliarios do franquismo, dun pazo de Meirás que segue como lugar de veraneo dos herdeiros do fascista ou do patrimonio público espoliado sen recuperar”. “É unha vergoña e unha indignidade para o noso sistema político e democrático que esas sentenza segan vixentes, indignidade que non se corrixirá ata que o nome desas persoas quedar limpo”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG