Parlamento Galego

O PP fai chantaxe aos concellos en materia social usando a lei de acompañamento dos orzamentos

Intervención da deputada do BNG, Montse Prado
Intervención da deputada do BNG, Montse Prado
  • Montse Prado advirte da caída da partida das pensións non contributivas e atribúe a subida da Risga ao aumento da exclusión social en Galiza

A portavoz parlamentaria de Asuntos Sociais, Montse Prado, aproveitou a comparecencia do conselleiro de Política Social para denunciar a chantaxe deste departamento ao concellos a través da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2017,  unha lei “ómnibus” convertida en caixón de xastre “na que colan múltiples reformas da normativa en vigor”, criticou a deputada.

Neste caso, trátase de establecer un novo réxime de financiamento para asuntos sociais entre a Consellería de Xosé Manuel Rey Varela e os municipios, aos que se lles da tres meses para sumarse aparentemente de xeito voluntario, pero que conleva penalizacións de optar por manter os actuais acordos bilaterais.

“Pode disfrazar como queira esta cuestión, pero é un trágala, impoñendo aos concellos que asuman unhas cuestións porque senón lle reteñen pagos mensuais, se entras polo aro que che poño, facilidades, e senón, vas ter todo o peso das modificacións arbitrarias dunha lei de acompañamento”, denunciou Prado.

“Consenso non é unha palabra para quedar bonita”, dixo, tras instar a Rey Varela a “dialogar cos concellos para buscar unha alternativa a esa imposición”.

A deputada tamén recriminou a precariedade laboral que afecta ao 80% persoal do consorcio de asuntos sociais, e alertou da baixada en partidas que considera claves como o descenso en 8 millóns de euros da partida de pensións non contributivas e en 7 millóns de euros da destinada ao plan social.

En relación ao aumento da partida da Risga, Prado non atopa cales son os motivos do Goberno para “sacar peito” nesta cuestión, porque o que reflexa é o incremento da exclusión social en Galiza, de tal xeito que miles de persoas que antes distaban de encaixar no perfil de perceptor desta prestación “agora precisan recibila”.

Finalmente, a deputada interpelou ao conselleiro sobre a inoperancia da Dirección de Xuventude, practicamente adicada a “xogos florais” nun país que sofre unha sangría migratoria de xente moza, cun orzamento de 14 millóns, dos que a metade son para funcionamento ordinario. Prado instou a Xunta a aceptar a proposta do Plan Retorna para facilitar a volta da mocidade emigrada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG